Opinión

Memoria

Xa estamos, con lumes e todo, entrados en agosto. Mes de moita memoria. Entre outras e outros, como referentes, por asasinados, paseados (vendimados), diremos a Moncho Reboiras, Camilo Díaz Valiño, Sixto Aguirre, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Pepiño Devesa, por viaxe á eternidade, e presente sempre, Avelino Pousa Antelo e por século de nacer Isaac Díaz Pardo. Estes dous últimos da cita, sen seren executados a morte, si o foron en observancia e sospeita durante os anos das súas vidas. Todos eles, repetimos, coma tantos e tantas, sufriron a España que contando o seu millón de mortos, en arrecendos de pólvora, na supresión absoluta de liberdades, fusilou, asasinou, paseou, trasterrou, encadeou e silenciou. Velaí a nosa memoria viva como axuda fundamental para analizar a nosa historia. A que, “ furgando na ferida” (como din os vencedores acugulados de impunidades), nos leva ás verdades, ao futuro de felicidade como pobo e na que nos podemos trabucar, pero nunca enganar ninguén, E así, no que sentimos, sacando carácter, daremos luces para saír da amnesia e asemade para que se comprenda que poñer en claro e restaurar non é ningún conflito co pasado, nin coa historia. Serao (éo) cos vencedores que tanto militan nos esquecementos?

Neste agosto ao pé da nosa memoria veremos como as primeiras fileiras estarán reservadas para os fillos e as fillas que un día quedaron na orfandade, para as viúvas e para tanta irmandade, que viron saír os seus e agardan pola súa volta. A memoria sen xustiza fai que a democracia baixe moitos enteiros. Basta que os paxaros voen ás súas gaiolas.

Comentarios