Opinión

As medallas que se poñen

Imos polo xuño dos naceres de Lorca e de Bóveda e camiñamos por tempos de eleccións. A cousa non anda moi clara en canto aos procederes da cidadanía para exercer o voto. E no lote tamén vai o desenvolver fases no referente á pandemia. Agora toca levar adiante propostas para chegarmos á normalidade. E moi en especial ao goberno de Galicia (que tan ben se move nos ruídos). Veremos pois se son merecentes das medallas que se poñen a toda oufanía ou se, pola contra, que non sería desexable, nos toca sufrir os rescaldos de tanta foguetería. De momento, por parte do goberno de Feijoo e o seu partido, as descualificacións aos outros levaron a palma. Os debates nin se viron. As e os de tanta fachenda, para saír dela, que se saiba, non teñen moito elaborado nin contrastado nin argumentado, porque iso implica tempos, esforzos e valentías. Os espazos de traballo na diversidade han ser amables e para que os encontros dean en acordos, será imprescindible poder disentir e pensar sen restricións. Nada do típico de sempre: “isto é o que hai”.

Nas valoracións difícil do que se nos aveciña, as respostas han ser intensas e as cuestión básicas (non só as económicas) ocuparán os centros de interese, pois os parcheados axudan pouco e volver ao de antes xa non vale. Agora desde as medallas de méritos, ditos en titulares amigos, non se poden promover pasividades nin falsas obediencias, e menos que nos metan nas casas con sufrimento. Como di Mirian Ferradáns “permanecer calada asfixia”. Nós non calaremos. Correremos os veos para que se vexan as responsabilidades.

Comentarios