Opinión

Mañá

Logo do noso día nacional da Lingua, con Feijoo a poñer día para as eleccións como innovación ( e que será iso, dicimos nós), non vén mal poñernos en común e diso elaborar unha plataforma de mañá mantida con enerxía política. Nós non seremos unha cidadanía da supervivencia, nin tampouco andaremos polos alborexares dos día sen ver perspectivas de mellora. Nós posuímos deficiencias, témolas á vista e hai que pensalas. As e os ricos de verdade, por moito que manden aos seus seguintes berraren liberdade, non poden seguir poñéndose de ouro, gardados nas súas burbullas exclusivas, mentres nós sigamos nús, sen dignidade, no deshumano. Nesa realidade brutal. Non lle creremos as mentiras nin tampouco as oficiais. Basta de loitos sen sentir, de gravatas negras como pegatinas, de bandeiras e proclamas, pois entrementres cantas e cantos “ninguéns” xa van caendo?

A posible solución común galega terá percorridos compartidos de moita intensidade. As deficiencias están á vista e con elas as torpezas dos gobernos. Será ben traballar na conciencia do que somos e onde estamos. Teremos por onde ir. A nosa postura é loitar polo noso mañá na vontade común de participar na obra. Miremos en que deu que nos digan o que facer e por riba o que sentir. Nós seremos a innovación que vai ao mañá propio. O resto son macanadas dos que cobizan o poder para negociar e mercadear con el e máis nada. As desigualdades sufrirémolas nós. A nova pandemia poderá ser a da fame?

Galiza é o noso nome propio onde decidirmos o que nos veña ben. Hai que adiantarse. O peor de todo é “lavarse as mans”. Iso para o mañá… non.

Comentarios