domingo 20/09/20

ILP

A asociación Hablemos Español presentou na Mesa do Congreso unha iniciativa na que quere que os funcionarios non teñan a obriga de coñecer a lingua galega, nin así usala cando a atención á nosa cidadanía e pola contra facelo na “común” que din que é a española. Cheguen ou non ás sinaturas, a cousa non lles ha ser. Velaí como que corre un papel de verdugo para quen falan dunha patria, lingua e cultura, si, para quen contamos as fabas en idiomas distintos ao español e así digo galego, euskara, catalán, aranés, bable. Unha vez máis a rabia ha ser loita e a loita ferramenta de transformación para nos afirmar en que a nosa Lingua é a Galega. E así preguntas. Xa non podemos falar, sentir ou desexar por nós mesmos? Ten que pervivir o noso idioma pola forza militante? Quen tiran  a pedra (os de Hablemos Español) ou quen poñen e acenden a pólvora para que comece a queima son responsables do que logo pase?

Non lles estamos por monólogos impositivos. Non nos fan graza estas movidas que reflicten comenencias de baleiros argumentos e o pouco querer entender quen nós somos, si, as e os da Galiza explícita. Non se decatan que o principio democrático prevalece sobre o de legalidade e así a nosa voz na lingua, os valores das nosas palabras, son garantía democrática e natural de sermos e de futuro? Non o ven. Pois saiban que nós, os e as galegas, non consentimos perder a nosa identidade e xa que logo por iso traballamos para sermos nós na nosa lingua galega e para estar no mundo con ela. Nós somos protagonistas e construtores da nosa historia. Non viviremos para nos conformar con menos.

           

comentarios