Opinión

Fondos e silencio

Cando preside o silencio, a cousa vólvese escandalosa e dá na intuición dun tronar xigantesco. E é así, pois vese que por pedir información ao presidente en Galicia (x3) por mor dos fondos europeos, tamén ao seu Goberno, as respostas van de silencios. Eles que dicían necesarios os debates, agora queren agolalos. E viven para estar (o ser, dálles igual, non cotiza) e iso que temos por diante etapas esenciais.

Dentro das consideracións, no unitario dunha Galiza pobo sostible posible, verbo dos fondos da UE, Galiza Next, convén significar tres aspectos: a cohesión social, a transición ecolóxica e a transición dixital. Nos tres será o público a presenza obrigada onde irá implícita a dignificación das condicións laborais en todas as áreas de incidencia. Tamén en todo, pero importante no dixital, convén saber como se difundirá e promocionará a lingua e a cultura galegas e cales propostas hai consensuadas. E non valen os silencios. Mal se pode avanzar a base de destrución e o silencio éo.

Os fondos non favorecerán os proxectos de multinacionais e grandes empresas, xa que por moito que os vistan de verde, cal sería a recuperación, transformación e resiliencia da Galiza? Onde se favorecerá a economía? Todo é só tecnoloxía? Irase polo público ou polo privado? Poñeranse os raposos a ordenar o galiñeiro? A aprobación dos Fondos da UE para o Estado español (aviso) fíxose non nun lugar público e si na sede da REE (Rede Eléctrica de España) empresa do IBEX. O Goberno en Galiza (x3), mentres no silencio, debía mirarse e “resetear” novas maneiras de pensar e actuar. Así falaría.

Comentarios