Opinión

Febreiro de Rosalía

Precisamos un sentido que explique a nosa pertenza e polo mesmo, pois se temos historia, sabéndonos e recoñecéndonos, haberá proxecto e axenda. O  noso relato levará memoria. Esa capacidade de proxección ao futuro. Por iso mesmo co día a día dos nosos medios en galego, xa vai este febreiro, o cal, como xaneiro o foi de Castelao, este serao de Rosalía (tamén da poesía) nos cento trinta anos da súa translación a Bonaval. Velaí que temos contidos de abondo. Moito que celebrar. Iso non desculpa para que nos acubillemos no pasado a vivir de rendas, nin tampouco nos botemos á aventura ao tolo. Sexamos valentes para ir aos novos días, xa que boa parte da  felicidade pasa por descubrir que somos quen de moitas máis cousas novas das que imaxinabamos.

E volvendo a Rosalía, a nosa galega poeta transcendente, que na rebeldía mediou para que este pobo fose posuíndo, na xustiza e na dignidade, miradas amplas sobre a súa vida. Esa “mala herba” que loitou por ser ela, muller absolutamente, de acento forte, e que aínda desvalorizan (“dándolle voltas”, como din algúns historiadores) para que pareza outra e sexa asumible para “celebrala” e que así axude a que no “amén” sigamos no pensamento domesticado da peor historia oficial. Ela que co seu corazón axudou construír o corazón de Galiza e que na súa obra están os berros e laios do noso pobo a sobrevivir, onde os seus poemas non son retratos individuais, nin paisaxes soltas, nin pingas de choiva inconexas, nin estrelas desirmandadas, que son a queixa xigante da Galiza unidade, nas feridas, na dolor e na loita. Poesía nacional.  

Comentarios