Opinión

Estatuto

Neste xuño, case que verán andando, co bo padal de que a sardiña molla o pan, nós, galegas e galegos, non perdemos de referencia a nosa memoria e, así, cos pés na terra e mirando o futuro, reflexionamos sen nostalxias sobre o que foi o proceso do noso Estatuto e niso apreciar a exemplaridade das mulleres e dos homes que se involucraron na idea e no camiñar, non sen sufrimentos, de que fose posible. Desde máis explicitamente e con intensidade, a partir da II República Española, foi no ano 32, desde o Seminario de Estudos Galegos, a proposta dun Estatuto para Galiza a cal se definía "Galiza estado libre dentro da República Española". Desta forma, desde a Asemblea de Municipios do 32 ata o 28 de xuño do ano 36, que foi o plebiscito, déronse non poucos debates e discusións sobre da esencia e sustancia do noso Estatuto, no que no seu proceso, discusións e acordos, tantas horas de traballo vocacional militante, xunto con outros moitos máis, tivo un papel salientable Alexandre Bóveda. Dicir que na expansión e mentalización do Estatuto por todo o noso pobo e pola diáspora ata o 28 de xuño do 36, Galiza tivo unha campaña intensísima e foi empapelada con cartaces de Castelao, Camilo Díaz Valiño, Luís Seoane e Isaac Díaz. O camiño debía seguir pero chegou  o golpe de Estado capitaneado polo funeralísimo (e seguido por tanta compañía de morte, seguidismo e vinganza). Foi no ano 81 a aprobación do Estatuto de arestora. Galiza destas foi considerada nacionalidade histórica. Recordamos logo que en 2005 o Goberno Galego (PSOE e BNG) promoveu a Reforma do Estatuto (recordan o de Galicia "Nación de Breogán"?). O PP formou parte da Comisión, pero a súa operatividade foi unidireccional negativa, poucas reformas, ou ningunha e si enlodar e aproveitar calquera ocasión para se desmarcar. Querer declarar "Galiza Nación" foi o freo ao proceso (e así a felicidade do PP por sacarse do tema, si, intuíase que pola súa parte tiñan claro que a cousa xa a querían morta antes de a matar) Galiza nación? Onde se viu tal cousa!

No andar dos anos e verbo do noso Estatuto, dicir que nas galegas e galegos, ao servizo de Galiza, houbo (e hai) moito amor a este Pobo. Ese amor como centro de gravidade irrenunciable a partir do cal se construiría unha nova forma de futuro. Unha idea positiva para nos unir. O Estatuto posibilitaba un traxecto feliz á universalidade. E ese amor neste presente é quen nos chama a unha reforma actualizada do mesmo na determinanción de nación e soberanía. Non queremos vivir nesta democracia pacificada no medio dun réxime universal depredador no que a súa actividade fundamental é o proveito para uns poucos. O amor do que falamos ha ser por nós reafirmado como valor universal de uso. Poñamos rumbo. Ou os do puro amor a España chamaranlle tamén a isto do Estatuto unha chantaxe das minorías?

Comentarios