Opinión

Estamos nos tempos

Este noso mes de maio gústanos de tempos de estarmos en nós facendo máis sólida a nosa determinación de galegas e de galegos. Tempos do maioano das nosas letras adicadas a Don Ricardo Carvalho Calero e que agardamos se siga celebrando no ano que vén, pois a realidade da Lingua e a da nosa Cultura férenos como coitelas e a crenza de sermos nós ha seguir viva na intuición do camiño de salvación. Baleiremos de vez os ferrados de esquecementos e silencios selectivos que perpetúan o pasado, xa que nós queremos estar nos tempos de futuro en presente, pois na nosa Lingua e na Cultura nacen as palabras e as creacións de pobo feitas belezas e comunicación. Xa bastan os toques de réquiem e de morte. Construamos obra común e comprensiva, de nós, con participación democrática, para proclamar deberes de restitucións, renacencias e vitorias. Non bastan os desexos nin tampouco as aparencias gañadoras, xa que niso andará activada e viva a nosa identidade de pobo do galego onde destaque a nosa soberanía co garante de liberdade

Neste maioano de Lingua queremos palabras abertas e arrecendentes de esperanza que medien espazos de vida. Don Ricardo dicía que “o galego é Galiza” e por iso (e para iso) non gustamos de demagogos con cargo, vendedores de fume. Tampouco titulares oficiais que negan a Lingua como referente irrenunciable da nosa resistencia no tempo. Que deixen as declaracións encubridoras, as que tratan de lle botar terra ás certezas a prol de nós. Estamos nos tempos. Nos de fidelidades e firmezas para coa nosa Lingua. Tamén nos das nosas voces dicindo amor e patria.

Comentarios