Opinión

Entroido

Estes tempos son os propios. E así, o noso pobo disfrazado, posto de mil maneiras, nas tradicións e contemporaneidades, con creatividade, salpican verdades como mundos e póñennos a clareo. Logo hai figuras, barandas exclusivos, traxeados, que din mentiras a treu e botan cantinelas que logo escenifican á baixa para non emendalas e que á final resulta un mirrado texto de falabaratos. E non poderán dicir que foi broma, aínda que non lles pase nada.

Moitas e varias son as mostras. Ímonos quedar con dúas. De primeiras a idea totalmente sen sentido (ningún común) dos e das de Vox tratando de nos avaliar (interrogatorio top?) por ver se sabemos español. Velaí como campean os figuras “cantamañanas” españolísimos. E que pasaría se o “tribunal” nos suspendese? Botaríannos da clase (ou sexa de España)? De seguro que un ben delas e deles non iríamos á recuperación por setembro. Que ocorrencia propia da pailanoloxía activa. Non hai máis cego que o que non quere ver. E de segundas, e miren que houbo chulería, vai a ensinanza plurilingüe posta a alta fachenda, potenciadora de vaidades. Nela non houbo metodoloxías propias, nin medios, nin orzamentos, nin planificacións serias. Todo ao barullo, sacando os carteis rutilantes nos centros e os titulares expansivos. O tiro non saíu por onde debía e si pola culata. Seica non resulta. Nunca máis certo o principio pedagóxico (que non pedabóbico) de que a cousa “in situ” e non “in vitro”. Tamén aqueloutro de “en cada roca seu fuso e en cada terra seu uso”. O que non falla é o de “fálalles galego”. Noten os froitos que teremos. Gustemos diso.

Comentarios