Opinión

En Outeiro de Rei

Mañá día oito hai dezasete anos da morte de Manuel María. Convocados pola súa Irmandade e pola AC Xermolos estaremos en Outeiro de Rei. Antes iremos a Pena de Rodas, lugar significado para o Manuel, facer lecturas de poemas seus. Logo estaremos no cemiterio de Outeiro, moi perto da Casa de Hortas, para ao cantar do Carro (da súa letra con música de Mero), xunto con Saleta, facer ofrenda nacional de flores a Manuel. De seguido na Campa de Santa Isabel entregaranse as “Navallas do Manuel”. Este ano á familia de Valentín e Xela Arias e tamén a Xosé Lois García. Velaí un día apreciable no que nos sentir gustosos na memoria e presenza de Manuel, pois el seguirá vivo en nós mentres exista unha galega ou un galego. Non pararemos de dicir o seu nome. El sempre estará nas ideas e nas palabras. A súa poesía non ha calar nunca. Por iso, tamén na súa lealdade, facemos da lingua o esencial que sustenta a este pobo do galego para así na cultura desenvolver os potenciais de liberdade e saber, de sentimento e solidariedade, pois esta determina a beleza e a verdade. A identidade. 

A exemplaridade de Manuel leva implícita a ética do seu proceder baseado nos principios emancipadores deste pobo do galego. Por iso a súa poesía abre e a súa voz creadora sempre foi arma de loita social. O seu legado non caduca. Velaí como estableceu o respecto dos afectos. Non o fixo nos silencios senón na palabra. Por iso queremos construír á súa luz e non á súa sombra. A súa figura é forte. Sempre gustou de dar a palabra. Velaí a súa coherencia. El , como dixo o poeta: “É un lugar onde beben as sementes”. 

Comentarios