Opinión

Educación

Agora a estes tempos coas mimosas a flor, con novo goberno do Estado, as voces e opinións dan moito de si a pedir cambios e así nós referímonos á educación, xa que tamén os hai anunciadores de que en nada desaparecerán os ensinantes para daren paso a unha relación do alumnado, tal amoroso contacto, con PC, portátiles, TV, tabletas, móbiles e outros dispositivos do día a día, chamados, mesmo con chulería, máquinas intelixentes. Chega a marabilla das marabillas. Profas e profes “fóra do coche”. Portas abertas ás máquinas intelixentes. Aplausos aos favorecedores de cada aula que así con elas se inaugure. Todas e todos felices. Chega a modernidade (barateza intelectual?) rápida e multicolor. Benvidos os métodos universais uniformadores. Iso é futuro. Medios a treu. Que o lote ha ser bo, o rianxo pagarase ben e os camaróns vermellos. Bo proveito. E as profas e os profes han botar contas da súa función onde relacionaban democracia e educación nos piares esenciais da liberdade e da igualdade. Recordarán como trataban de educar en cultura galega conscientes do inmellorable investimento en futuro e notarán como lles sacan a educación dese universo, o galego, da cultura, para caer nunha instrumentalización que provoca “especialistas” limitados, controlados, sabedores de pouco e ignorantes de moito. Velaí pois veñen ao caso os versos de Wislawa Szymborska (voz da memoria e da condición humana): “Quen sabían de que ían aquí as cousas, terán que deixar o seu lugar a quen saben pouco e menos que pouco. E incluso practicamente nada”. A educación como unha imposición categórica?

Comentarios