luns 01/03/21

Educación (Pública...?)

Setembro non tarda e o curso aí está tratando de clarificar contidos e como desenvolverse. Xa imos tarde. Non se aprende a escoitar. Definiremos destas quen teñen a educación ao seu cargo? Quen as súas decisións? Os e as educadoras? En Finlandia é asunto de educadoras e de educadores e iso si, con formación para educar. Será o pensamento colectivo quen tome a educación nas súas mans? O asunto preocupa. Nótase como se perden dereitos. Hai que pensar o ensino público de maneira amorosa (que é dicir crítica) e poñer á vista as operacións que se traman contra del, pois a educación estase convertendo en mercado. Mercado educativo onde intervirán os e as operadoras educativas poñendo a calidade no foco dos resultados instrumentais e aplicando receitas do mundo empresarial. Non se entende a educación pública como un servizo, nin como un dereito humano. A calidade (que está sen definir) non se interioriza en termos pedagóxicos. Promóvese o deterioro da educación  pública. Por fóra fálase mal dela e así de crise educativa, de obsoleta, de modernizala, sóltase o de excelencia, e de seguido absórbese no privado, xestiónase e faise mercadoría de proveito e sustento de control político. Chámase “desposuír” a educación pública. Educación ela que é un tesouro. Que o saben os “piratas” dos mercados e así poñen a traballar ás e aos “loros faladores”. Que pedagoxía sairá de aí? Que se entenderá por “educación de todos”? Quen definirá os deseños curriculares? Hai un ataque sen freo á educación pública. Poderá un Goberno decidir sobre dela como se fose propiedade súa?

comentarios