Opinión

Discursos

Xa hai tempo que os do Goberno de Galicia, e polo mal que parece que lle van ir as cousas, andan na tarefa de botar discursos (e culpas) anunciando o que lles convén. Os tempos chegan. Para estes (e para o seu partido e amighos) mandar vailles moi ben. O de gobernar xa é outra leria que lle engaden (e non moito) ao seu mando. Os discursos arestora van de mitineiros. As eleccións están aí. Os apañadores de votos dispóñense. Bótanse vivas a eles mesmos e niso ninguén se quere quedar de menos. Seguen a mover (utilizar) o noso pobo con palabrería sentimental superficial (cando non con mentiras ou medias verdades). Eles ao parecer non teñen culpa de nada. Tanto que non cumpran co debido, que instauren a cultura do silencio, como que non teñan en conta a diversidade, nin as diferenzas de pensar e non queiran ver o noso pobo como un todo. Notámolo ben no noso Parlamento como lle dan aos outros, sen que a eles se lles escoite unha emenda por nada, aínda que como lle dixeron “atinan cando rectifican”. Van de listos infalibles, pero son malos negociadores. E os medios amighos colocados ao sol que máis quenta e ao que máis alimenta os seus intereses, danlle voz, achego e razón. E nós, os outros, valorizando a nosa identidade, na nosa visión do mundo, seguimos no labor para ser nós mesmos e andando, ter a capacidade de decidir o camiño, o que queremos ser e facer, pois ao noso pobo non o vemos desde fóra como espectadores. Nel tratamos de reducir a distancia entre o mirar e o facer. Que non nos tomen en conta, alá saberán. Non queremos vivir sempre nunha beleza que nos doe.

Comentarios