Opinión

Dicirse sen selo

Nas matinacións deste abril confinado vénnos ao caletre o intento do PP e do goberno de Galicia de apropiárense do termo “galeguismo”. Invocan as palabras liberdade e democracia, colócanse no “sentidiño” e na “cordialidade”, para entre coroas e laudatorios proclamar nomes como os de Rosalía e Castelao (co de Bóveda nin se atreven). Velaí a manobra de desarraigar conceptos básicos con palabrería oca, pura bagatela, sobre todo en clave de celebracións tal divertimentos. Viva, pois, o ritual oficial, raso e abstracto. A identidade e a cultura como valores de cambio e non de uso e construción. Van a Padrón e a Bonaval (e máis sitios) por ver se as nosas e os nosos están mortos. Non cren nas forzas de futuro que levan consigo as memorias das nosas e dos nosos egrexios galegos. O que lles gusta é facer da (súa) normalización de país un enorme burato negro para engulirnos como pobo. Non saben gobernar colectivamente os nosos valores identitarios, lingüísticos, culturais, de pobo, que é dicir nacionais. Dinse galeguistas sen selo. Proclaman que o único que lles importa é Galicia. Amándoa ou conservándoa?

Non conxugan os nosos tempos, nin andan polos nosos espazos públicos. Gobernan para que as nosas páxinas non se escriban no noso idioma. Mellor noutro ou en branco. Procuran as celebracións rápidas, sen moito contido, fotos e tira, así como curto o himno nacional galego, a unha volta, musicado e sen letra (que non a saben todas, nin todos). E moitos aplausos. Velaí a súa visión reducida deste Pobo. Hai que afortecer as conciencias, que estes dinse galeguistas sen selo.

Comentarios