Opinión

Despedida

O tempo vai e así as vidas. Os faceres e deberes. E nós tamén na busca de máis e mellor como determinarnos, aínda que para certa xente comezamos ser como unha desestabilización do que lles foi (e é) á medida, díganse privilexios (que para eles xa son dereitos consolidados).

Seica, e alertan, que o que estamos construíndo pasiño a pasiño, a nosa casa, hai que lelo como un “aviso para navegantes”, ou sexa, ollo que velos aí veñen (non sabemos se lle engaden “por nós”). A liberdade deles, a de que cadaquén faga o que lle pete, pero que non nos cren problemas, ou sexa non cambiar ren de ren, facendo que circule sen se ver a palabra fracaso, pasará ser a de facer o que se debe. O sentidiño troca polo sentido común, que xa vai boa de andarmos polo gume da coitela e asemade pola corda frouxa e precisamos intuicións que saian do pensar e repensar como estamos, que queremos e como poder chegar. A vida doutro sabor (e logo doutro saber), xa que celebrar e reflexionar han ir xuntas.

No ano que avellenta e xa mirando ao noviño e fresco, o cuestionar o que hai derredor ten prioridade. Levamos ben perdas e o noso futuro ha corresponderse a mellor na nosa soberanía como pobo. Xa non son horas da primacía do amor ferinte. Queremos vivir como somos e para iso, velaí diante (e en nós) temos a nosa forza colectiva. Non hai unha única democracia. Para nós hai outra de valores na existencia. Nesa pintamos algo. Somos cidadanía. Celebramos vida. A política non pode ser o negocio dos negocios. Os loros da plutocracia non nos serven.

Non son donos nosos. E así na punta do pé… a despedida.

Comentarios