Opinión

Daniel de Rianxo e Isaac de Compostela

Nesta pandemia, a ano entrado, queremos significar a lucenza inmorrente que nos guía e dela, a facer albor de cada día, sacar dúas estrelas salientables. As de dous egrexios nosos e nomealos a palabras de idioma e pobo: Daniel Castelao e Isaac Díaz Pardo. Eles dous, postos en presente e en futuro na nosa memoria civil, que desde diferentes datas colleron inmortalidade. Daniel hai setenta anos e Isaac oito. Os dous por xaneiro. Un o día sete e o outro o día cinco. Un e outro, xunto con tantas e tantos, sempre integradores, facendo das súas vidas mensaxes rebeldes e transformadoras, aportando enerxía liberadora, teimaron na fusión limpa da lei coa xustiza, para vivirmos a nosa soberanía. Os dous, “en vivindo” sufriron persecución. Foron sospeitosos, silenciados e sen norte, condenados a martirio. Eles como cheos de amor soñaban o Pobo do Galego sendo casa de todos e de todas as galegas. Como soñaban velo rir. 

E así con nós, no desexo da nosa determinación, presentes, comparten terra, pobo e cidadanía. A súa palabra non se pode silenciar, pois son exemplariedades de nación e humanidade. As súas vidas non poderán ser contaminadas, nin diluídas, polas oficialidades destes tempos. Esas tan destrutivas, rituais e mentireiras, que gobernando un anaco de España, montan espectáculos sen sentido, sen comuñón de ideas e sen proxectos compartidos para traxectos a tempos renovados. Dicir que se nestas datas de memoria, os anteditos fosen a Boisaca e a Bonaval, faríano por ver se Isaac e Daniel están ben mortos. Mal saben que quen son amados, nunca morren.

Comentarios