Opinión

Cos petos cheos de esperanza

Desexamos contar a realidade para que se transforme. E para iso, precisamos pensamentos críticos, propios da xeración da esperanza, que removan as estabilidades conservadoras. Niso ten importancia a educación orientadora, a cal no canto de nos protexer, axude e actúe para acadar os desexos e atopar nas perspectivas comprensivas o noso sitio nos distintos mundos, ben no laboral, ben no profesional, xa que arestora estes son complexos e cambiantes.

E así na realidade presente, os e as ensinantes, a distancia, xa que o presencial nos Centros sería un espazo de marabillosas compensacións, desenvolven o traballo na absoluta soidade (nun “ide facendo” institucional, no medio de non poucas intoxicacións). Iso lévaos cada día a reinventarse e adaptarse ao concreto das súas dificultades. Están en primeira liña e desde a responsabilidade toman decisións. Tratan de que o inclusivo sexa o fío vivencial fundamental. O sistema non estaba pensado para isto. Por iso hai que valorar o seu traballo. Son exemplares. Tiveron que poñer en marcha, e sobre a marcha, un novo contexto de contidos e procederes educativos con horarios en clave de xenerosidade. Sen límites.

Velaí o ensino público onde os dereitos non son favores. Velos aí aos e as ensinantes emendar desigualdades e superar a falta de recursos. Velos aí sobrevivindo nos climas máis fríos, entre cantos de réquiems e literaturas administrativas, e en como exercendo actitudes positivas tiran para adiante para que se multiplique a esperanza que levan nos petos. Alguén aínda pode pensar destruír o ensino público?

Comentarios