Opinión

Coñecer

O coñecer trátase dunha cousa bonita. Pero desa acción participan diferentes intencións. O señor Feixoo, no amorío declarado á súa Galicia, di que coñece ben as galegas e os galegos e que estas e estes tamén o coñecen ben a el. De todos os xeitos eses coñeceres non conlevan os mesmos contidos, nin teñen as mesmas consideracións. O señor Feixoo coñece unha parte de galegas e galegos, todos na devoción, polo de agora, e á outra parte, sen perdela de vista, semellando non darlle moita atención, aínda que si, ponse nos titulares dos xornais amigos, non os vixiantes do poder e si os animosos del, e dá opinións a treu e proclama afirmacións sobre as e os desta parte como se for o orientador da maior dimensión da sabedoría. Mesmo por veces, sen conseguilo, quere transmitir que nada está por riba del, nin á par, que a súa voz e palabras non teñen réplica. Vaites, vaites. E como el se trabuca de plano.

No referido a que a el o coñecen, pois si. Por unha banda, si, quen o seguen a rumbo seguro (de boas comenencias) tal como luz que atinada guía sempre embocando na maior felicidade (mercado exitoso de poucos). E pola outra están quen o coñecen (e sofren) as súas mañas e caneos. Quen padecen cos seus planeamentos neoliberais os seus decretos, leis e movementos, nos que antepón España a Galiza (a dos seus amoríos a ela) e tamén os seus discursos retrógrados de medias verdades (ou ningunha), as falsas ironías (cando non maldades), onde se lle nota que sabe sumar aliados e restar (ou dividir) cidadanía. Pois ben, vostede coñeza á súa maneira que nós coñecémolo á nosa.

Comentarios