Opinión

Comprender non é aceptar

Hai unha tendencia que queren facer conduta en Galicia(x3), pero quen non van por ese rego, clarean doutra maneira, pois comprendendo a cousa, non a aceptan. Falamos do concepto “sentidiño” e o que iso leva consigo. Nese “sentidiño”, o Goberno en Galicia (x3), quere achantar de boa educación feita obediencia (con moito “amén, si señor”). Que se pille da prata o anaco máis pequeno. Ser os últimos en entrar. Calar sen protestar. Dicir si coa cabeza. Todo está ben.Sentar cando o fixeron os demáis ( ou quedar de pé se faltan cadeiras). Usar o noso idioma a poder ser só por datas e horas sinaladas (e non moito). Iso si, festexar “cordialmente” o outro útil (o español) que nos envolve (agola). Agra aberta para el. A nosa cultura por remendos. Estar agradecidos polo respiro que nos permiten. Desfrutar del. Gozar do anaco pequeno que nos deixen (e controlado), pero nada do moito que eles nos levan. Sentirnos só un algo. Non vaia ser. E así vivir nun estado como de santidade, con alegría e pasivamente, pero padecendo con resignación as inxustizas dos que se arrogan dicirnos como vivir (e vivir de nós). E así marabillados irmos por ese camiño (tamén xacobeo) de tantas indulxencias para gloria nosa (cal?). Tanto así… que a liberdade xa non nos é unha necesidade.

Pois non. O “sentidiño” é un “sensentido común”. Non é vivir. O “sentidiño” aliña sempre en vertical á voz de “ordeno e mando e ollo non te movas”. É unha enerxía tóxica. Por iso precisamos un “sacudón, espabila” e cambiar de orientación. A verdade non se escamotea. Velaí que andamos polo mes patrio.

Comentarios