sábado 06/03/21

Céntrese, presidente

O señor Feijoo non quere, nin emenda, que se usen os nosos topónimos no noso idioma e así el, na súa liberdade, acolledor fino, consente, tanto na cartelaría como nos contidos, que no Foro da Toxa, se diga “ La Toja” e tamén en afrontas como a non presenza de mulleres en equidade no Foro. O asunto dá para un traballo máis extenso, pois estamos de punta. Isto vén de actitudes propias de acoutadiños de bisagra lixeira, que tendo que facer pan do país, quédanse con frangullas que lle veñan de fóra e sorrín triunfantes como quen gañou a marabilla. O presidente de Galicia, gañador de eleccións, como galego daquela maneira, pasa do noso idioma. Pasa de nós. Non cre que sexamos nacionalidade histórica (nación) declarada no noso Estatuto. El válese deste pobo (iso si, gañando eleccións) para manobrar como lle convén, tanto para el como para os seus, sexan do partido, amigos, donos de portas xiratorias etc. Faino así, oufanándose Presidente, en presente e para futuro. Nós diriámoslle que se centre e como nas palabras do señor Presidente da República Portuguesa, que pense nas persoas (galegas e galegos) e que traballe pola nosa felicidade. Non se adique a botarlle lume exclusivamente ao Goberno do Estado e ocúpese deste pobo. Pénsese galego de contido e de idioma e sírvanos. Non todo é pillar de Madrid. Hai que gobernar aquí.

En Ribadavia o campo de fútbol estaba xunto do río. Os equipos que ían alí a non perder, tiraban balóns fóra ao río. Así corría o tempo. Vostede señor Feijoo xogue para que gañemos. Que vostede non chegou agora. Non bote balóns fóra. Céntrese.

comentarios