Opinión

Botámoslle outra

Xa estamos no verán entrado e hoxe celebraremos a noite de cacharelas por toda Galiza. Poida que gustemos dunhas sardiñas das que mollan o pan e piden por un grolo de viño. Veremos se o lume purifica como debe e se tamén pola mañá do vinte e catro, vendo como o sol baila, nos lavaremos (a poder ser as culpas e outros males) na auga das florciñas campías recollidas á man, as propias desta celebración, que amoleceron toda a noite na auga da fonte matria de cada lugar e todo conservando a frescura do bicar delicado do orballo neste veranciño noviño e fresco. Canta materia nosa a vivir na historia e na tradición (que sempre é moderna) se niso vai a comprensión e interiorización de sermos e estarmos. Identidade e Terra. Velaí un abrazo obrigado a quen somos. Botémoslle unha para seguirmos doutra maneira, pero nela.

Do antedito sabemos que imos pasalo ben, que será un gusto, pero iso non nos afasta do que nos pasa, do que vivimos e sufrimos. A vida de diario ten o seu percorrido e como alguén dixo, referido á fraxilidade do momento, “as cousas penduran dun moco”. Non podemos deixarnos ir e que para cando pase o peor, volvamos ao mesmo que até agora estivemos padecendo. O presidente Feijoo, e xa comezou cos e coas sanitarias, pensa que as cousas se salvan con pagar unha ronda de beber, comer e viaxar. Douscentos cincuenta euros a quen os pida e chegue a tempo. Pois que os garde. Que non insulte. Nós, cos e coas sanitarias, botámoslle outra, a da dignidade, non á conta da que Feijoo quere. Que a garde no menú das súas ousadías. Pura e vella (a)normalidade, a del e a da súa xente.

Comentarios