Opinión

(Astro)momentos

Estando nas casas a consecuencia de quen queren controlar e canalizar os nosos afectos e malestares, as nosas formas de desexar, sen que paren as súas economías, que as prefiren por riba das nosas vidas, que tiveron que cambiar a tocata por lle ver as orellas ao lobo, que non foi por humanidade, pois daquela imos nós e, xermolando vitalidades, poñémonos en proxectos para traxectos.

Un deles pode ser, ben de día ou de noite, devagar ou non tanto, facer das nosas ventás, balcóns ou terrazas, plataformas para entrar con sentimentos e pensamentos nas autoestradas polos universos. Abríndonos e vivindo. A toda carga e descarga. Lendo neles e sen límites. Facendo da nosa lingua, literatura e cultura, total astrolectura. Humanidade e Identidade. Sen idades, nin caducidades. A Banda ancha. E conectando. Facendo dos universos (tal libros ilustrados) soportes de lecturas. Cantos ángulos de visións para que coas nosas palabras elaboremos textos de marabillosas fermosuras, afirmados nas fantasías e imaxinacións, nas (re)creacións, afloren páxinas que nas lecturas, superemos os puntos cardinais. E sempre máis alá (seguindo a Manuel Antonio). Cantas vivencias e experiencias. Cantas marabillas. Cantos pensamentos libres e de frescuras tecidos polos nosos desexos.

E deixemos algo para os mañás que nos agardan. Deámoslle así continuidade a astrolectura de cada día. Desde as nosas plataformas. Vivamos con gusto os seus encantos ( sen desencantos). Unha astrolectura libre e nada virtual nun libro universal que se faga habitual. Porque agora serán os astromomentos. Nós conducimos. Queremos?

Comentarios