Opinión

Así non é

A obriga dun goberno é promover, aprobar e cumprir leis xustas que protexan os dereitos de toda a cidadanía (e moi especialmente os dos e das máis vulnerables).Así será obrar ben e merecer méritos e aplausos (tamén salarios). Non bastan as ordes do digo e dispoño. Tampouco as baseadas en maiorías (que moitas veces son equivocadas). Non vale só permitir aquilo que non molesta. Non son tempos de vivirmos en movementos circulares atados a inercias e a rutinas. Desexarnos así é dun cinismo desmedido.

Hoxe as axendas actívanse coa emerxencia climática para cambiar os combustibles fósiles por enerxías renovables. O hidróxeno vai na dianteira (mesmo coa protección europea). Por entre nós por agora son as eólicas as que levan a palma. Ata nos colocarán eólicas mariñas flotantes. Co aval de leis sacadas de maiorías parlamentarias como criterio (que non é igual que xustas) vannos inzar delas. O tema vai de que as empresas, que non son galegas, pillen de aquí o máximo beneficio e que o leven. As ganancias canto máis se acheguen ao infinito, mellor. Así nos queren poñer raiando coa humillación. A nosa terra non é nosa. Estas propostas non responden aos retos que en Galiza nos agardan nos anos que veñen. Non cadran cos nosos proxectos de pobo e si cos duns poucos espurios. O Goberno “en “ Galicia non está coa xente. As leis e disposicións que se fan non deben cadrar cos desexos dos que nos queren ocupar. Non queremos ser os números uns doutros. Queremos intuír e facer o noso propio número. O noso ben irá coa nosa identidade. Non se nos pode menosprezar. Vida ou capital? Así non é.

Comentarios