Opinión

As miradas

Paréceme de perlas o dicir das mariñas o de “mireite”. Mirar é bo, ver é marabilloso. Xa que logo non vexamos estes días con tristeza e si (pre)ocupados e con intuicións. Notemos a relación do neoliberalismo coa natureza que estableceu un relato catastrófico. Para eses a mercadoría , for cal for, se dá cartos, xustifica o lote composto de produto e persoas, que se explotan para acadar os mellores dividendos. De aí que esa maneira de producir fomenta e favorece as pandemias, concretadas en morte e medo. Isto conleva perigos. Aos mercados hai que lles poñer marcos. O de barra libre miremos as consecuencias. Non é casualidade, pois apropiarse da natureza para o desenvolvemento, non é ir polo rego do humano, nin da xustiza, nin da dignidade.

Son momentos –indo do singular ao plural– para mirar(nos) e facer(nos) preguntas sobre a sociedade habitable que queremos. Tamén a vida que vivir, tomando  o público como base da convivencia, cimentado desde a solidariedade nos intereses colectivos, pois á vista está que a vida non só é producir e consumir sen medida onde uns poucos van na abundancia e os demais consúmense en sobrevivir. A globalización non ten sentido. “Necesitamos soberanía, vivimos nunha realidade concreta e non somos donos dela, se non podemos vivir á nosa maneira, daquela non temos nada” (di o profesor humanista Moncho Regueira). Por iso no mirar, na toma de conciencia, sintámonos ilusionados e expectantes coas posibilidades de futuro. O misterio da vida é o visible (O. Wilde). Mirar e ver. Escribamos o guión. Non toca a dos caladiños. Non carguemos con morto.

Comentarios