Opinión

Aprender

Nestes días de estar nas nosas casas por mor da pandemia, con xente de fóra, moita dela madrileña a corpo e apetito pola beiramar, en especial por Sanxenxo, merece a pena pensar e ao mirar(nos), abrir os ollos e ler a realidade, aprender, para que os desexos de progreso se afortezan. Falemos da Sanidade Pública. E polo tanto necesitamos botar man do humano de nós. Desa maneira, con palabras sinxelas e asemade de forza, tratemos de rachar as formas de pensar pasivas, abstraídas e compracentes. Non vale o de “isto é o que hai”. A saúde é un dereito da cidadanía que non se ven a negocios. Tampouco ao traficar de ningún gobernante (nin goberno) en clave de rendibilidade (especialmente privada). Ben notamos, e sofrimos, como se nos xea o sangue, en como as mutuas non atenden este caso de pandemia e pásanlle a pelota aos hospitais públicos. Os e as mesmas neoliberais con mando, tratando de desmantelar o sistema público de saúde, cando lles convén, póñenlle a este o asunto e a outra cousa.

Temos que pensar a nosa Sanidade, lela, aprender, pois nela nótase moita desigualdade. Ela (e así temos que loitala) ha ser pública, gratuíta e universal. Do noso sistema de saúde, do que nos sentir orgullosos, non se pode facer un negocio, pois como se di no libro Privatización Sanitaria: “O sistema económico dominante (e Galicia non se escapa diso) busca deshumanizar a enfermidade e a súa xestión. Redúcea a unha mercadoría”. Entón conxuguemos nos mellores tempos o verbo aprender para cambiar. O sistema público nin tocalo. Melloralo si. Que por iso loitaremos. Toca solidariedade.

Comentarios