Opinión

Agosto

A fin do verán velo aí e agosto remata. Este, salvo fabas contadas, non foi moita cousa. Algo así como un refacho cargado de feitos preocupantes e cuns poucos  ilusionantes. Contamos con fracasos políticos e gordos dos que o Goberno en Galicia (x3) dá a calada por resposta. Dise que a Historia leva présa, pero o esencial non cambia. Por iso a conciencia de galegas e de galegos énos necesaria como a auga de beber. Como saber afrontar a realidade? Non nos serven estes gobernantes “bombeiros” de pouca monta (recórdannos a Feijoo actuando coa mangueiriña naquela foto de “domingueiro apagalumes”, avisado da oportunidade do caso no medio do xantar, ou na sobremesa). Bótanse de menos os e as políticas de honra e de proximidade, de prevención e moita intuición, que saben por onde “pisa o boi”. Os tempos que veñen piden ese ser así e ese exercer político. Non vale a “ foto do minuto”. Sabendo que a propaganda pode ser un xarope milagroso, non perdamos de vista a realidade que nos poñen á vista os intereses políticos, sociais, económicos e empresariais, do Goberno en Galicia (x3), quen, como coa teoría do vaso mediado, no seu discurso, din velo acugulado e asegura triunfante un futuro de marabilla, pero sen porvir. Hai que poñer luz e niso intervirán todas e todos, porque todas e todos debesen mirar ao mesmo, si, a políticas públicas en exercicio comprensivo e vital de “democracia plena” na Galiza xusta. Nesa inclusión con cohesión na diversidade, mellorando a sociedade. Ou é que así non nos queren? Atahualpa Yupanqui dixo que “para que quente o lume ten que ir por baixo”. O outono será duro.

Comentarios