Opinión

Agora tocou

 Fixéronse certas as palabras aquelas de “cando toque”, e tocou. Velaí están as eleccións e xa ao choio para obter escanos no noso Parlamento. Non serán quen os outorguen nin a roda da fortuna, nin a sorte do paxariño, e si a cidadanía cos seus votos. De aquí ao cinco de abril, a campaña irá collendo cada día acentos e velocidades. Abofé que dará moito de si. Cadansúa formación política valerase á súa maneira para acadar votos. E xaora que xa se notan as diferenzas entre unhas e outras formacións. Vexamos un caso.

O señor Feixoo, cando se presentou candidato a presidente do Goberno de Galicia, tanto en Compostela como en Vigo, poñendo mesmo a un lado as siglas do seu partido para que non se avistasen moito, e logo de repetir Galicia varias veces, dixo que esta é moito e acompañouno cunha boa interpretación de facerse a do emocionado, tal como un chorar sen chorar de todo ben escenificado. Galicia é todo.

E por tal nós diríamoslle: verdade que con soamente dicir Galicia, nese roce, un xa se pon disparado? A que nesa sonoridade Galicia mola? Pois imaxínese quen teñen a Galiza por matria, fratría e patria. Intúa quen nas humildades dos seus orgullos a senten como pobo de (con)vivir e nel decidir o que queren ser. Vexa (e comprenda) a quen construíndoa, galegas e galegos, non lles basta con que se pronuncie e se use, Galicia ou Galiza soamente por festas floridas, nin por eleccións, xa que se terá claro que estas e estes sono de  pobo e de nación, de país, a cada respiro das súas vidas. E nese proceso e resultados, Galiza, si que lles é moito. Si que lles mola.

Comentarios