Opinión

Agardar andando

Seguindo a gardar casa, xa con abril a se abrir, gozando da floración e especialmente neste caso por un lado os caraveis e polo outro os tulipáns, as dúas plantas desde a beleza das súas flores, fanme ter presente, ben a Portugal pobo irmán revolucionario e ben a insolidariedade holandesa xunto a dos outros estados europeos do norte que se acompañan. Europa como contido e formas de convivencia non existe. Agora volveuse como un corpo egoísta, definido na desigualdade, no cal os pobos do sur somos as tripas que lles almacenamos as dixestións. Ogallá fósemos outra cousa. Velaí o proceso concreto destes tempos. O norte suma para el desde as súas perspectivas individualistas con moi pouca “ acentuación sociolóxica” (como diría Eric Fromm). Polo mesmo, para ter en conta e visto o visto, volve significarse enriba da mesa, da que nunca marchou, o dicir de Alexandre Bóveda: “agardar andando”. Andando e indo con conciencia de pobo para que nestas, na comprensión do proceso, nos fagamos, en firme cidadanía, máis protagonistas de nós. Haberá resultados. Si señor (como repetía Ánxel Fole).

Non lle teñamos medo á liberdade. Estamos na soleira de moitas cousas novas e moitas delas imprevisibles. As decisións que correspondan estarán nas nosas mans. As horas (como tempos de poñer as cousas no seu lugar) sono de tomarmos o control. Non cheguemos ás cousas como personaxes secundarios. No agardar andando, na nosa conciencia de pobo soberano conquistando bens, sentiremos a nosa realización compartida levando alegría nas nosas vidas postas en beleza. Non apaguemos o futuro.

Comentarios