Opinión

Accións e responsabilidades

Miña bisavoa (que con cento tres anos facía a primeira mañá cun melindro e cunha copa de augardente) preguntábame que me pasaba cando me notaba raro pola forma de andar. Era certo. Andaba doutra maneira. Os avós son sabios Isto ben a conto neste momento e referido aos do Goberno de Galicia, pois pola maneira que andan, dando nunha e petando noutra, nótaselles que lle dan voltas á cabeza, non moitas, pois maréanse, por mirar de como saír dela. Ven, que non son parvos, que o virus avanza, que o seu control non anda fino e que setembro xa chegou para en nada comezar un curso cheo de indefinicións e de incertezas, moi complicado, de control difícil. Nada disimula a falla de previsión. Pensouse ben a (re)organización? Cantas contratacións de reforzo para que haxa garantías sanitarias e educativas? As Consellerías usan as capacidades de daren respostas? Cal é a política pública?

Por moito que predique o señor Feijoo non basta con frases ao ar, que nin sequera son ocorrentes, por moito que as queira viralizar cos seus amighiños. Ten que respectar, pois para frear o virus debe establecer medios e recursos. E facelo desde o noso referente galego público, pois a situación epidemiolóxica non é igual en todos os sitios. Tampouco o curso se poderá comezar nestas condicións. O ensino público é o máis orfo e desasistido. Imos tarde, mal e sen consenso. Non pinta ben. Esta crise puidemos aproveitala para construír acordos colectivos de como convivir. Non se quixo. Nas súas accións coas súas (in)competencias porteen coas súas responsabilidades. De principio a fin.

Comentarios