sábado 06/03/21

A riqueza da lingua

Nestes tempos de maior entoación da igualdade e da non violencia, convén pensar no deber de seguir na construción (e non na desfeita) dunha sociedade galega máis xusta, equitativa, que determine o marco soberano que consolide e posibilite máis logros e máis proxectos. Un destes (logro e proxecto) é a nosa lingua hoxe condicionada a uso condicionado. Maltratada de moitas maneiras. Inimiga a combater. E así este goberno de Galicia (ao cubo) teima en disgregar vontades colectivas a través do medo e do odio, si, desa emoción retrógada, cruel e terrible, nacida da sede de poder para desangar a cidadanía, poñendo os dereitos lingüísticos deste pobo a dieta de fame decretada. Un mal remedio que nos fai sufrir violencia para a nosa lingua, nun chulesco uso de poder que, dicíndose democrático, fai maltrato dela e deste pobo. Velaí como nos negan o uso pleno da nosa lingua. Soamente por horas como a toque de queda. Non podemos vivila. Hai que poñer outro prato á mesa para o español. Tanto odio á nosa lingua que dá en violencia estúpida. Un odio refinado a cara de “boiños”, o do sentidiño cordial, que semellando amor, o que trata e de anestesiar. Un odio moi rendible, co que buscan a desaparición da discrepancia, anulando a igualdade e a soberanía da lingua.

As galegas e os galegos non devolveremos odio. Sabemos do matute disfrazado. Basta das súas imposicións. No amor á lingua imos contra toda dominación. Saltou o tapón. Toca dignificar a nosa dolor sen resignarnos. Todo ha ser evitable. A identidade tamén conta. Non somos invisibles. Virán as novas primaveras.

comentarios