Opinión

A lingua

Este sábado celebrouse, aínda que todos o son, o Día Europeo das Linguas. A nosa, a galega, distinta, pero non distante, a que nos define e nos determina fronte ao pensamento único, xunto ás de cada pobo, dá contido ao nomear de se diciren linguas en (de) Europa. Todo ben, pero, no medio das celebracións, non se pode negar que a nosa lingua non goza de moita presenza activa na Galiza. Os cambios a mellor son tan lentos como  desesperantes. O Goberno da Galiza, o seu partido, gaña eleccións, pero perde en política lingüística. Bótanos cara a atrás sen freo (salvo o que lle pon a cidadanía galega consciente ). Non nos soluciona problemas e créanolos. As actitudes favorables que se debesen estimular desde as competencias para favorecer o uso da lingua non se notan. Tampouco accións contundentes que nos reconforten, pois a normalización da nosa lingua ha ser (e non é) un proxecto común con traxecto de dignidade. Non pode ser algo simplemente tolerado para tela amalada de desigualdade. O noso medre irá falar de Lingua. Velaí as responsabilidades. E que non nos veñan co aquel de apocalípticos.

Celebremos as linguas. Está ben. Pero accionemos de boa fe para favorecer o seu uso. Poñámonos en orgullo comunicante. Iso será ganancia. Hai moitas “materias pendentes” e non poden seguir os tempos de realismos resignados. A lingua hai que defendela con obras, con solvencia, pois na comuñón co mundo ela é un factor de diversidade que nos afirma na nosa vontade de ser. Un valor de uso na riqueza da humanidade. Ninguén poderá impedirnos o amor por ela. Serán horas das nosas horas?

Comentarios