Opinión

U-la a Audiencia Nacional cando se necesita?

Eu non son unha persoa que teña por costume deixar aparcadas as miñas responsabilidades. Mais o certo é que este verán poscovid estou tendo moito máis traballo do habitual sumado a un cento de cambios no persoal. Este é o motivo polo que non tiven tempo a preparar a miña opinión mensual neste diario sobre ningún tema en concreto. Falar de Juan Carlos? Do turismo caníbal (outra vez)? Da investigación a Ana Pontón? Preferín facer trampas e preguntar directamente nas redes sociais que era o que preocupaba á poboación galega.

Nos tempos que vivimos, botar tal nasa no Facebook pode ser un experimento que desencadee en calquera cousa: o mesmo colles un par de nécoras como che leva preso a Seprona. Para a miña sorpresa, o experimento resultou moi enriquecedor: racismo institucional, ecoloxía, medio rural, corrupción, censura… Víase que as miñas amizades virtuais querían poñer na axenda nacional todo.

De entre todas aquelas propostas houbo unha que me resultou de espacial interese. “Pois [deberías falar] da despreocupación que existe cara aos currantes, que aínda non poden vir á casa porque non teñen medios!”.

E cavilei acerca do tema. Vivimos nun momento no que podemos coñecer con toda seguridade que almorza ‘O Coletas’, cal é a opinión dun tal Simón sobre case calquera cousa ou a que se dedica a muller de Sánchez no seu tempo libre. Podemos saber tamén que fai Torra en Catalunya, as irresponsabilidades que comete a clase traballadora en case calquera tema de actualidade, o elo de heroicidade que hai tras cada emprendedor ou a importancia do empresariado no tecido económico estatal.

Iso pola banda estatal, pero é que se reparamos nos medios nacionais a cousa non pinta moito mellor. Nestes podemos coñecer como a Xunta nos salva a vida día si e día tamén a través dunha eficiente xestión privada, como a Xustiza nos libera da multitude de okupas que se asentan por todo o noso territorio deixando nenas e nenos na rúa, como Caballero lle pon algo de luz ás nosas vidas ou por que debemos renunciar á nosa lingua para prosperar profesionalmente nun mundo globalizado.

Resulta que teño que saber por unha amizade que aínda existe xente abandonada polo mundo adiante. Hai uns meses o BNG preguntara no Parlamento Galego por este tema, por que non se permitía regresar aos mariñeiros galegos a súa casa. Eu pensaba (inxenuo de min) que coa desescalada este problema xa estaba resolto. Que tiñamos todas e todos os traballadores de volta no noso país, coas súas familias. Meses despois, sabemos que non só non están aquí eses mariñeiros, senón que os traballadores dos viraventos tamén están secuestrados no exterior e que algún levan xa un ano fora da súa casa.

Para a vosa sorpresa, a Audiencia Nacional non está investigando o empresariado por non poñer medios para que estes traballadores regresen á casa. Nin existe ningunha Institución que puxera este problema na axenda do día. Nin se vai informar aos seus compatriotas e familia das condicións nas que están a vivir na outra punta do mundo. Nin cando se espera resolver o problema. Mira ti se lles dá por chamar corruptos aos Borbóns desde a Patagonia para poder abrir así o telexornal do mediodía.

A xestión desta pandemia está poñendo en evidencia as eivas antidemocráticas do Estado. Xa o vimos durante o confinamento cando se apaleaban persoas migrantes ou se privaba a clase traballadora do seu dereito a folga para despois potenciar manifestacións nos barrios ricos do Estado. Os desaloxos exprés ou a entrada en vivendas sen ordes xudiciais en nome da saúde pública.

Cando se ideou este xornal, falábase da importancia de termos un medio propio en galego para as galegas e os galegos. Eu penso que este diario ten que servir de altofalante para reclamar todo aquilo que desde Madrid e desde a Xunta nos negan. Falemos das traballadoras e traballadores abandonados á súa sorte. Investiguemos as causas do seu abandono e denunciemos publicamente que queremos que eles (tamén) volten para casa.

Comentarios