Opinión

¡Por supuesto que hay que imponer la lengua, faltaría más!

“Siempre que puedo reinvidico en este espacio que crecí en el barrio vigués de Coia. No puedo estar más de acuerdo con aquel poeta que decía que nuestra patria es la infancia. Yo estudié en el Celso Emilio Ferreiro. Recuerdo perfectamente mi aula de primero de Primaria y a mis compañeros. De los 22 alumnos que éramos tan sólo 2 hablaban gallego. Por supuesto el resto hicimos lo posible y lo imposible, lo que entendíamos que había que hacer con ellos: machacarlos hasta comunicarse en nuestro idioma.

A las aulas de Gallego asistíamos como quien asiste a las clases de historia. Aquello del gallego estaba encuadrado en la misma época más o menos que el mundo antes de que se inventara el cine, la radio o la televisión. O al menos yo lo recuerdo como algo así...”

Eu ás veces descúbrome pensando en castelán. A pesares de ter vivido varios anos no rural galego, entre galegofalantes, a pesares de ser neofalante, aínda ás veces descúbrome pensando deste xeito. Ata o punto de que me costa moito cambiar o chip con algúns membros da miña familia, por que a ninguén lle preocupa isto?

De cando en vez dáme a impresión de que quedamos cunha análise do emprego e uso da lingua de mediados dos 90. Que a mesma xente que non foi quen de defender os dereitos dos galegofalantes da miña clase de Primaria, seguen a xestionar a política lingüística deste país.

Parece que seguimos pensando que na Galiza hai unha masa social galegofalante dominante, que o peso do rural ocupa as mesmas dimensións que antigamente. Cando a realidade é que nas vilas deste país xa se optou por educar as crianzas en castelán. Dígovolo eu que vivín moitos anos nunha delas. E tiña discusións con galegofalantes nativos da importancia que tiña educar os seus fillos no seu idioma.  

E se reparamos nas campañas ideolóxicas que hai detrás son bastante claras, sempre se basean nese dereito do de fóra a ser atendido na súa lingua, nesa minoría discriminada por non coñecer o galego. En vitimizar aos verdugos e criminalizar as vítimas. Onde estamos a outra minoría?  Algunha vez vistes unha campaña de concienciación do uso da lingua cun neofalante? Alguén reparou en que somos miles de galegas e galegos as que fomos privadas do noso dereito a vivir na lingua das nosas avoas? E que se fai algo aparte de ridiculizarnos por colocar mal os pronomes?

Hai que visibilizar os neofalantes. As persoas na Galiza falan castelán dun xeito mecánico. Sen cuestionamentos previos nin reflexión de ningún tipo. Os neofalantes non. Todos os neofalantes pasamos por un proceso de reconversión. Identificamos perfectamente os ataques a lingua.  Medramos detectando as necesidades de ambos mundos.

E que claro que precisamos de imposición da lingua, faltaría máis! E que neste mundo moderno todo o importante está regulado. Polo que se a lingua non se regula pasaría a un segundo plano, no que non existiría, no que non tería importancia.

Temos regulamentos e imposicións para case calquera chorrada. Está regulado como debemos pintar as nosas casas, como facer queimas no monte, como debemos ir pescar, como debemos ir apañar cogomelos, como debemos alimentar os nosos fillos, como debemos escolarizarnos, como debemos presentar impostos, como debemos comportarnos dentro do noso domicilio. E que como non imos regular o emprego da lingua! E que nesta sociedade unicamente non se regula o que non existe. E que renunciar a imposición do galego e condenalo a desaparecer!

Eu tiven a mala sorte de que na miña casa non había unha conciencia da importancia de empregarmos a lingua. A meu pai encantábanlle as películas de indios e vaqueiros. Pasou toda a vida a inculcarme os valores de ser pobo, de sermos indíxenas, de defensa da terra, do alimento, do territorio. Só me queda a pena que non fose consciente de que na lingua tamén había esa defensa indíxena.  

E para iso ten que servirnos a escola tamén. Para ensinarnos a ver en colectivo o que non podemos aprender no noso núcleo familiar. Claro que hai que impoñer a lingua, faltaría máis!

Quedo tranquilo ao saber que a día de hoxe, eses dous rapaces seguen a falar na súa lingua. Na de verdade, a que lles ensinaron as súas nais.

Comentarios