Opinión

Por min e por todas as miñas compañeiras

Quen me coñece un chisco sabe que sempre aproveito calquera espazo que se me dá para reflexionar. Calquera evento social para debater. E calquera encontro público para provocar. Creo que temos moita falta de cultura asemblearia, de cambiar o titular rápido por un debate honesto e de quitarnos a mochila dos privilexios e intentar ver o mundo desde outra perspectiva.

Eu non creo que sexa unha persoa moi grandilocuente. Non me ergo cada mañá da cama con grandes ideas sobre como mudar e transformar o mundo. Teño tendencia a poñer sobre a mesa o meu propio caos mental. De xeito que tan só vendo a desorde que impera na miña mesa de escritorio, podes intuír como de sobrepasado estou mentalmente.

Unha cunca co café de hai días, un calcetín que non atopa parella ou un lote de máscaras usadas que teño aí por temor non sei moi ben de que.

Na primeira semana deste mes o colectivo LGBT amencemos coa noticia de que Nuria, unha rapaza de tan só 17 anos, se quitara a vida. Se quitara ou lla quitamos. Habería que reparar niso. En todas aquelas veces que escollemos calar e mirar cara a outro lado cando presenciamos un abuso.

Boto un par de máscaras máis á miña mesa de estudo. O libro de Judit Butler que estou a ler. O reloxo co que me agasallaron ao cumprir os trinta.

Penso que esta noticia revive no noso imaxinario colectivo todas esas violencias que temos naturalizadas. A min Nuria recordoume Manuel. Manuel era un veciño gai que vivía no meu edificio. Apaixonado dos animais, levábase ben con todos os veciños, e non ocultaba a súa sexualidade nun barrio no que a virilidade cotizaba á alza. Entre as expresións de moda na adolescencia estaban: “Los niños no lloran. El rosa es de mariquitas. Mariquita el último. Eres una maricona. Maricona de mierda. Te van a petar el culo. Comepollas”. Pero más alá dese clima heteropatriarcal no que vivíamos e que reproducíamos, creo que todos os rapaces querían a Manuel. Sentían por el aprecio, e non quedaba nunca discriminado da vida do barrio.

Os resgardos da compra, as entradas do cine, unha vella libreta con anotacións por riba dese calcetín sen parella.

O maior calvario de Manuel tíñao na casa. Nos barrios obreiros as casas están cheas de borrachos. Non polo feito de ser clase obreira, senón polo feito de ter unhas condicións de vida que lles obriga a evadirse da realidade. Na casa de Manuel este home era seu pai. E para el ser alcohólico era menos vergoñento que ser maricón. Polo que para Manuel seu pai foi o seu maior calvario. E decidiu saltar pola fiestra para quitarse a vida.

Unha Caixa de clips. A parella do calcetín esquecido. A lista da compra. Outro calcetín sen parella. 

Os recordos da infancia son incibles. Teñen moito de real pero preséntanse coma se foran case soños. Eu de Manuel tan só lembro as tardes de xogos ata caer o sol. Onde nun recuncho do parque agochábanos a esperar que atoparan o resto. E matábamos o tempo con mil conversas que non consigo recordar. Para ver se así éramos os últimos en ser descubertos. E podíamos salvar deste xeito todos aqueles outros que xa perderan a partida.

Tiro as entradas vellas. Recollo o caderno de apuntamentos. Gardo os clips no caixón. Emparello os calcetíns. Desfágome do café de hai días. Prendo a computadora. 

Coma unha pantasma Manuel acompañoume durante toda a miña adolescencia. E non foi ata morte de Nuria que as miñas conversas con el volveron inoportunarme a altas horas da noite. É incrible como a forza de manter a memoria de alguén pode manternos valentes. Eu de Manuel quédome cos nosos recordos. O recordo de todas aquelas veces nas que nos agochamos ben. Das que non o fixemos tanto. De toda esa xente que descubrimos no seu acocho. Das veces que nos descubriron escondéndonos. De cantas partidas xogamos ben. De en cantas máis nos mataron. De cando escollemos morrer. Cando escollemos morrer matando. De todas aquelas persoas que salvamos. De todas aquelas persoas que nos salvaron. “Por min e por todas as miñas compañeiras” moitas grazas, Manuel.

Comentarios