Opinión

Femicoopecipalismo

Valga por diante que estou eu moi lonxe de ser un gurú político. Aborrezo os círculos intelectuais por toda esa simboloxía elitista que os rodea. Ese protocolo dos excesos, do protagonismo, do indivisualismo, do perverso, da senrazón. E aborrézoos en especial na política, pois parecen levar impreso que só certas persoas, líderes, mesías ou preparados, poden exercer o poder nalgunha das súas manifestacións. Complicar o sinxelo para defender posicións privilexiadas de acceso á xestión do público ou comunitario.

Moito se fala estes días sobre desescaladas e sobre regulamentos municipais. Eu vivo nunha vila costeira, desas que se debaten entre salvar a tempada de verán ou evitar a propagación do virus. Éche moi impopular poñerlle fronteiras aos cartos, aínda que sexa para protexer a vida da maioría.

Se tivese que redactar un plan de desescalada, teño claro que tería un artigo que o vertebraría todo: Poñer a vida no centro. E cando ti pos a vida no centro, non pos no centro as terrazas nin os festivais nin as festas patronais. Pos no centro a veciñanza, a súa garantía de poder vivir con tranquilidade no seu concello, sen vivir con ese medo constante ao contaxio.

“Joder, David, pero e que todo iso é moi utópico”.

Podería ser certo. Podería selo se ignoramos que esta pandemia trouxo consigo unha tripla crise: a da democracia, a do capital e a da soberanía.

Penso que nunca antes tivemos unha poboación que se estea a decatar de maneira tan clara de como funciona o sistema económico baseado no consumo. Lonxe de ser esa garantía de seguridade e confort, convértenos en cidadáns que non teñen nin garantido o acceso a unha máscara. Que asisten pasmados á revalorización no estante do súper do hidroxel ou que se atopan de fronte coa realidade do que supón mercantilizar os coidados dos nosos maiores que teñen que morrer abandonados porque algún empresario determinou que investir en EPI descadráballe a contabilidade a final de mes.

Estamos a ver xente nada sospeitosa de ser independentista ou nacionalista de pedir a descentralización das competencias. Que queren que Galiza se peche a Madrid e autoxestione a súa crise sanitaria. Afastarnos desas receitas de metrópole que ignoran a realidade da nosa terra como puidemos comprobar coa prohibición da pesca submarina ou co confinamento incondicional de núcleos de poboación espallados por unha distancia de seguridade máis que aceptable.

O exército nas rúas controlando unha pandemia sanitaria. Esa militarización que tivo os cativos na súa casa imaxinando que o virus era unha especie de soviet que viña a comelos. Asistimos a un lavado de cara das forzas de seguridade do Estado que acabou nunha parodia protagonizada polo Ministro de Interior. Marlaska vivindo na súa propia pel unha montaxe de Estado coma se fora a plebe ou un  vulgar veciño de Alsasua.

Penso que toca abordar o discurso político poñendo estas contradicións na mesa. Toca dar vixencia as teses do independentismo clásico e articular unha estratexia da que emanen formas de facer políticas sobre tres eixos fundamentais.

Feminismo no cotidiano, sinalando todo aquelo que non permite que a metade da nosa poboación poida desenvolver unha vida digna. Poñendo en valor os coidados, e pelexándonos por eles. Deixar de velos como unha carga e pasar a darlles ese valor que merecen. Pois os coidados crean maior riquiza que calquer sistema baseado no indivisualismo e o consumo. Xa vimos que nunha pandemia non precisamos de militares, e xa vai sendo hora de que ese exército de mulleres que coidaban sen recoñecemento ao exército de homes que saían a facer negocios teñan o seu lugar na nosa historia (senón na oficial, que sexa ao menos na popular).

Cooperativismo no económico,  tecendo empresas dentro da economía solidaria ou no comercio xusto, que a nosa riqueza non dependa máis de pisar cabezas, de expoliar recursos sen fin ou de competir ata matar.

E municipalismo no político, porque se hai unha alternativa de sociedade, de seguro que se pode tecer desde o municipal.

Pois iso, poñer a vida no centro, Femicoopecipalismo.

Comentarios