Opinión

“Ofendiditos", novo infantilismo de esquerdas

Sucedeu que o domingo espertei cunha notificación de WhatsApp que alertaba sobre un caso de homofobia e racismo na sesión vermú dunha festa da miña contorna. A denuncia facíaa un veciño vinculado á militancia de un partido de dereitas. Ao parecer a actuación dun grupo de rock local quedou eclipsada por unhas desafortunadas declaracións que o seu cantante fixo entre tema e tema. O texto denuncia quedaba así : “Neste espazo, no que todos estabamos a desfrutar, houbo un comentario discriminatorio, homófobo e fora de lugar (…) non me parece de recibo discrimar a xuventude porque sexa doutra cor, relixión ou ideas”. Busquei información nas redes sociais entre veciños e contactos varios e non atopei ningún comentario de denuncia ou que fixese alusión ao acontencido. Como podía ser que a veciñanza máis próxima aos movementos sociais non se fixeran eco de tal atrocidade?

Comentario a comentario quixemos enfiar a conversa e coñecer as alusións exactas. Escribíu incluso xente da organización dicindo que non entendían a que se refería este home. Omito a maior parte de comentarios e vou ao gran co que nos interesa: as declaracións homófobas e racistas da festa.

“Nomearon que había que axudar as xuventudes , animalas e apoialas, menos ás xuventudes do PP (…) Só falta que alguén me diga que sobrábamos alí.”

Era iso! Un home de cincuenta anos estaba ofendido porque as xuventudes da organización Afro – LGBT denominada polas súas siglas PP recibira unha crítica por parte dun grupo de rock. Vaites!

Máis alá da anécdota penso que este tipo de accións sociais e virtuais sérvenos para intuir cara onde está a virar o discurso da dereita máis reaccionaria. A persuasión nos medios nesta época de noticias falsas parece que vai encamiñada ao vitimismo de dereitas. No estado asistimos a varios exemplos: a presenza de Arrimadas no Orgullo, o mitin en Alsasu…

Este home que nun primeiro momento nos parece parvo non o é tanto, só é torpe no desenvolvemento. En realidade comprendeu moi ben como funciona a nova estratexia comunicativa do Estado: criminalizar os colectivos máis discriminados para convertelos en verdugos e culpables do auxe dos totalitarismo do Estado.

Un sector dos movementos sociais leva tanto tempo equiparando as loitas simbólicas coas conquistas reais que se converteu nunha parodia de si mesma

Vivimos nun momento no que hai unha guerra aberta contra certos sectores da sociedade. A ultradereita xa está anunciando represión contra as mulleres, migrantes e o colectivo LGBT. A min de nada me serve que non me chamen maricón no traballo, se vivo nunha sociedade que consinte que o meu colectivo non sexa contratado pola súa condición sexual ou pola súa ideoloxía política. “Tú eres libre de ser gay igual que el empresario es libre de contratar a quien quiere” dirán. Que se me prive do acceso a según que eventos polo risco que supón que as miñas mostras de afecto puideran ser catalogadas de escándalo público. Mariquita si, mentras non molestes. Por min poden contar todos os chistes de mariquitas que queiran, eu sei uns poucos, sempre e cando teñan unha tolerancia cero coas actitudes que limitan o desenvolvemento normal do meu día a día, da nosa convivencia.

Un sector dos movementos sociais leva tanto tempo equiparando as loitas simbólicas coas conquistas reais que se converteu nunha parodia de si mesma. Aí temos a torpeza socialista coa tumba do xenocida ou o ridículo internacional coa xestión do Open Arms. Mulleres reclamando que os vocablos neutros teñan feminino, semáforos con saia para reinvidicación dos dereitos das mulleres. O simbólico debería ser un complemento a políticas de transformación real. Non a loita en si mesma. Está ben despoxar dun espazo público a un xenocida, pero non nos iría mellor se quitáramos aos seus herdeiros do noso sistema xudicial e político? Está ben visibilizar a muller nas redes socias, pero non pode ser a costa de seguir a explotalas laboralmente para que fagan traballos que a destinan a precariedade de maneira sistémica. Igual se conseguimos esto último, que se emancipen con facilidade, non precisarían da limosna que lles outorga a intelectualidade progresista. Pero de que ían traballar os intelectuais de “esquerda” se lle destapamos o pastel de que ata un maltratador pode aprender a falar en linguaxe inclusivo? Rápido aprendeu a progresía daqueles que pasaron de fascistas a democrátas nunha noite.

“Que igñorante! Non sabe a definición de (poña aquí o seu concepto sinxelo)”. Esto adoita ser o que pensan moito dos colectivos que din organizarse para defender os intereses das clases populares. Dándolle máis valor as palabras dun compañeiro ou compañeira de militancia ca os feitos revolucionarios que fan os nosos veciños no cotiá. Temos o mal costume de ser de natureza intelectualista. Vemos mais compañerismo nos xestos pomposos ca nas accións de solidaridade do cotiá.

Quen cremos na liberdade de expresión, deberíamos de deixarnos de facer de gardiáns da moral, iso xa fai tempo que lle corresponde a Igrexa. Ningún colectivo social debería ceder ante a opinión pública cando se pide a cabeza dunha compañeira ou compañeiro por un chiste de dudoso gusto. Cando se fan declaracións politicamente incorrectas. Deberíamos xuzgar a sociedade polos seus feitos, non polas súas palabras. O politicamente correto estanos a volver un pouquiño imbéciles a todos.

Creo que era Castelao o que dicía que “ primeiro ser e despois triunfar” . Pois sexamos todos un pouquiños máis maricóns, máis bolleras, máis feminazis, máis comealmofadas, máis indepes, máis terroristas, máis negros e en definitiva máis colectivos. Así , sen complexos. Sen avergoñarse de ningún compañeiro polo rédito electoral, polo correcto, polo discurso establecido. Na vez de ofendernos con cada adxetivo aprendamos a facelo noso, a dárlle un novo significado, a normalizado.

Polo menos se todos temos claro o que somos, non virán outros a arrebatarnos e a apropiarse da nosa identidade, das nosas loitas. Nin o intelectualismo reaccionario , nin a ultradereita, deberían ser quen de marcarnos o camiño a seguir como cidadáns. En xogo está quen acabará sendo vítima e quen verdugo.

Por certo, sabedes cantos mariquitas fan falla para cambiar unha bombilla? Depende do escuro que estea o cuarto.

Comentarios