Opinión

Os hilillos do terrorismo

Querida Ánxeles:

Teño que recoñecer que hai quince anos, cando remataba a miña etapa na secundaria, xa imaxinaba que algún día acabaría dándoche as grazas polo teu labor como mestra. Non sabía moi ben nin como nin cando. Xa sabes, no barrio medrabamos coa máxima de que dar grazas a un profesor por algo era de niños pijos del centro de Vigo. Nós aspirabamos a ser malotes dun barrio que bebía do cine de arrabaldeiros e mafiosos que chegaba dos EUA.

Eu estudei no colexio público Celso Emilio Ferreiro, en Coia, barrio vigués coñecido na Galiza enteira pola rotonda do barco. No barrio non falabamos galego. Ningún de nosoutros tiña na casa referentes culturais moi elevados: viviamos nunha zona obreira e medrabamos ao son da especulación na construción. Quen non valía para os estudos, rápido o metían nalgunha fábrica ou de peón na construción: había cartos para todos.

Tivemos a sorte de ter mestres moi implicados no noso ensino. Nas clases de Historia, ao fascismo chamábaselle fascismo e ao da guerra de Iraq, imperialismo. Non lembro ningunha clase na que Franco non dera un golpe de estado e evitáramos definilo como o que é: un xenocida. En Inglés tratabamos a globalización cultural e a importancia das trazas culturais. O feminismo era transversal en moitas materias ao ter profesoras implicadas no activismo e ter un profesor gai. Ningún dos nosos pais foi nunca a falar co director de que alí adoutrinasen a ninguén. Tíñase un respecto por quen exercía o ensino. Tiñamos un nivel de educación que xa quixeran no Peleteiro.

Nas clases de galego o ambiente era moi diferente. Ánxeles non era moi popular entre o alumnado. Apostaba por unha estética agresiva de muller executiva que levaba o pelo de cores e un método de ensinanza moi directo. "Non entendo" dicíanos sempre que lle contestabamos en castelán. Nunca tal nos replicaran nunha clase de galego! Falaba con naturalidade do papel da muller na historia de Galiza, da imposición do castelán, das diferenzas na RAG… Sei o noso himno desde aquela porque valía dous puntos no exame. Ela parecía sacada dunha película de avogados, coma se en calquera momento fose poñer unha querela contra o Estado. Derrubar leis absurdas. Pechar multinacionais agresivas coa contorna. Non medrara nun barrio de xonquis, nin nunca lle roubaran a radio do coche na praia ou as zapatillas mentres se bañaba en Samil. Aínda que rísemos dela ás súas costas, ninguén cuestionaba nada do que dicía porque se correspondía á perfección coa nosa realidade: clases traballadoras ignoradas, movementos sociais como ferramenta de conquista de dereitos populares, xente do campo emigrada pola pobreza do país, violencia aplicada por sistema contra a muller… Pero quen lle ía dicir que non a ela? Por moi mal que nos caese ou por moi allea que nos fose, atinaba.

Foi estando nas súas clases que chegou a nós o "Nunca máis" e analizamos os xornais en cada unha das aulas. Aquelas verbas de que Galiza pouco lle importaba ao Estado confirmábanse coas bochornosas declaracións dun galego dicindo aquilo dos hilillos negros. Tiñamos que escoitar aquelas parvadas ao mesmo tempo que viamos imaxes das nosas illas Cíes masacradas. A vida en Vigo era menos gris porque tiñamos en fronte aquel paraíso verde... agora, que nos quedaba como vía de escape? Citroën?

Foi tamén nas súas clases, á primeira hora da mañá, que chegaron noticias sobre o 11-M . Aquel día, con 15 anos, pouco ou nada podes saber do que sucedía en realidade. Nosoutros queriamos ir á manifestación para faltar ás aulas. Entón o profesorado reuniuse connosco e falou moi serio sobre a importancia que tiña aquilo e que era algo sobre o que non deberiamos frivolizar. Fomos todos en masa, claro, cantando consignas contra o Imperio Americano.

Foi tamén a primeira vez que escoitei falar da ETA máis alá de aquel discurso plano que dicía que eran terroristas, seitarios, ruíns e malvados. Ánxeles desdebuxou para min aquela versión Disney do conflito éuscaro e amosoume outra realidade máis complexa. Unha realidade con vítimas e verdugos, con intereses de Estado, con tramas de corrupción.

Faláronnos da importancia política de atribuírlle nun primeiro momento o atentado á ETA. Faláronnos da importancia histórica para o pobo éuscaro e do innecesaria que era na actualidade a súa loita. Faláronos da ETA desde o seu inicio e de por que aquilo non podía ser un atentado deles. Faláronnos dos seus masacres. Faláronnos dos masacres dos GAL. Déronlle ao problema un contexto histórico, pois toda a historia deste Estado é síntese das loitas políticas desde o pasado ata os nosos días. Unha vez máis, o pensamento de Ánxeles adiantábase aos feitos dando no cravo.

A pesar do que se di no Estado sobre o adoutrinamento nas aulas: eu non saín terrorista nin empreguei a violencia na miña vida por coñecer a realidade histórica deste pais. Tiven a sorte de que os meus mestres me formaron a min e a moitos outros nun pensamento crítico. Quizais Ánxeles sexa a semente pola que hoxe son nacionalista, mais penso que seguimos tendo moitas das diferenzas insalvables que tiñamos cando eu era adolescente. Nin ela pode ocultar o seu aspecto de executiva nin eu que son unha rata de barrio. Aínda así doulle as grazas por darme as ferramentas necesarias coas que aprender a defender os meus intereses.

Espero, miña mestra, que estes días esteas nas aulas explicándolles aos adolescentes deste país que é Resistencia Galega. O Estado escarallándose de nós outra vez. Daquela, habendo mar, viron hilillos negros e hoxe, habendo hilillos, ven unha banda organizada. Nós, os que medramos en barrios sen recursos, só vos temos a vós para entender a realidade que nos rodea. Ensinar ao alumnado o que é xusto e o que non. Seguir tecendo redes de resistencia e pensamento crítico nas escolas. Ensinar galego non é soamente gramática e ortografía. O galego é historia, é sociolingüística, é política. Ningún colexio da Galiza debería esquivar a noticia da detención dos membros de Resistencia Galega.

O nacionalismo, máis que nunca, debería estar unido neste eido de debate. As sentenzas que aceptemos hoxe, serán as que nos condenen mañá. Ningunha persoa máis perseguida pola súa ideoloxía!

É de xustiza defender que as persoas teñan un xuízo que cumpra todas as garantías en materias de Dereitos Humanos. Non toleremos a incomunicación e as condenas preventivas.

É de xustiza reclamar que as familias poidan comunicarse cos sospeitosos dun crime. Non se pode tolerar o afastamento e a crimilización do contorno afectivo.

É de xustiza que unha pelexa en Madrid teña a mesma pena que unha pelexa en Alsasu, Bilbo ou Galiza. Garantir que a lei é igual para todas as persoas.

É de xustiza que o Estado pida desculpas por crear bandas terroristas imaxinarias e acusar a todo un sector da poboación de pertencer a ela. Digamos non a teatralización e desfiguración dos feitos.

E de xustiza tamén é que os medios de comunicación informen dos conflitos aos que nos enfrontamos como pobo. É unha débeda histórica que o Estado ten co pobo galego.

Sexamos xustos.

Espero ter aprendida a lección, mestra.

Comentarios