Opinión

A Nosa Vox

Parece case unha broma que no momento no que maior acceso a información temos sexa tamén o momento no que maior cantidade de información falsa tragamos. Asistimos a unha sesión de investidura chea de novas falseadas, as "Fake News" foron as protagonistas no Congreso. Sentín rabia e vergoña ao escoitar a Abascal ler datos de violadores especificando a súa procedencia. Rabia de saber que acababa de conseguir o seu propósito: marcar a axenda estatal.

Benvidos á década da decadencia humana.

Parte da culpa desta situación tena a propia esquerda española (a institucional e a de rúa) que no seu afán electoralista mudou de discurso e pasou a dicir que a realidade era algo interpretable, que había tantas realidades como persoas. Debíamos, dicían, non cuestionarnos a nova praxe política pois só respondía á necesidade estratéxica de xuntar todas as realidades sociais nunha especie de prisma onde cada un de nós tería cabida nalgunha das súas caras. Así os altos cargos militares e as traballadoras do fogar pertencían á mesma peza e debían permanecer xuntas para que este prisma non rachara. Ata a casa real (así, en minúsculas) tiña unha función social que todos debíamos respectar e comprender pois eran unha cara máis deste prisma "made in Spain".

Posmodernismo como modo de vida.

Esta é a realidade comunicativa na que levamos metidos desde que a nova política chegou ás nosas vidas. E son estas circunstancias as que me fan depositar a esperanza nun medio propio coma o é este que nace con Nós. Temos unha oportunidade de crear un relato novo, de chegar aos fogares con información contrastada e veraz. Desmontar as mentiras da ultradereita españolista. Evitar que se criminalice a loita social.

Mais non debemos esquecer que temos tamén un lote de limitacións ao lombo aínda que contemos con esta nova ferramenta, pois os propios lectores deste diario nada teñen que ver coa ultradereita españolista. Esperemos por tanto que o xornalismo de calidade nos axude a definir a folla de ruta do soberanismo galego. Iso é o que lle desexo eu a este diario do que teño a sorte de formar parte. Que sexa quen de debuxar unha realidade social que todas e todos podamos comprender como pobo. Evitando os mesianismos e escapando do elitismo cultural e intelectual no que o soberanismo caeu un cento de veces no último século. Evitar o sectarismo.

Os medios tradicionais teñen unha reputación entre a poboación. Levan décadas creando a imaxe de veracidade, de servizo á sociedade, de ser xustos e imparciais. Todos escoitamos aquilo de "ten que ser verdade que o escoitei no Parte". Pois estes noticiarios son os mesmos que están amplificando a voz do fascismo español.

Cómpre entón asumir entre todas e todos que ignorar o discurso nazi amplificado en cada un dos aparatos a disposición do Estado non vai servir de moito. Podemos facer como a avestruz e meter a cabeza baixo o chan, mais cando saiamos do furado o fascismo seguirá aí, debuxando unha realidade distorsionada coa axuda de Ana Rosa Quintana, Ferreras e outros creadores de opinión.

Enfrontámonos a tecer redes na nosa contorna que non permitan avanzar a ultradereita no noso país. Os estudos sociais confirman que as persoas interpretamos a nosa realidade política en base á nosa contorna máis próxima. Por enriba dos Ferreras estamos Nós como veciñas e veciños, como familiares, como compañeiras e compañeiros de traballo. Debemos dicir en cada esquina que ser independentista non é un crime, que falar galego é o normal en Galiza, que as opcións soberanistas son as que lle aportan un valor democrático ao Estado fronte a quen quere enviar o exército ao Congreso ou apupa a unha muller escollida polos navarros para garantir a representación das clases populares.

Temos un proceso orquestrado desde as Institucións con máis poder do Estado para normalizar a presenza de fascistas no Congreso. Contra isto deberían atoparse internacionalismo en cada centro de traballo, cada local social, cada colectivo organizado. De Nós vai depender estar no bando democrático ou no español. E que o soberanismo sexa Vox populi na Galiza.

Comentarios