Opinión

A nova corrente cara á unidade da esquerda

Vaise achegando o 12-X. Unha fronte ampla reflectida no marco institucional é posible se, por fortuna e contra o método de Hondt, se materializa nunha coalición de esquerdas no Goberno sustentada tamén polo PSOE. E, digámolo sen ambaxes, nese escenario, hipotético pero plausible, unha cabeza de cartel nitidamente nacionalista e de clase sería, sen dúbida, o marco máis desexable á hora de facerse cargo da Presidencia. 

O liderado desa conxuntura futurible conta cunha forte raigaña histórica, está ben implantada na nación, ten posibilidades reais e, sobre todo, vese agora fortalecida pola irrupción táctica da corrente independentista e comunista que moi sisudamente se afastou dun proceso esgotado e insostible que nun principio se fixera valer en nome da unidade da esquerda. 

Sabemos, ademais, que a corrente, alén dun leal e honesto apoio, pode ser un faro referencial que contribúa a recuperar o rumbo da esquerda nacional cuxo norte está, como estivo sempre, na rúa e no movemento obreiro (Alcoa, a sanidade pública, as demandas unitarias das Marchas,...). A corrente non é unha sorte de "paracaidismo" ou a ocorrencia de última hora de catro oportunistas que é o que se estila bastante acotío, tamén é verdade. Pola contra, este movemento ten bo pouso, nace cunha clara vontade organizativa e vén rexido por uns parámetros de coherencia que explican o por que e o onde do seu xurdimento. Alén de todo iso, conta con peso específico e experiencia política e institucional a diferentes niveis. Leva nas costas o traxecto histórico necesario pra enfrontar, xunto con toda a clase traballadora, os novos retos que se veñen derivando da crise sen precedentes ocasionada a raíz da pandemia. 

Como se pode ver, e volvendo ó inicio, seguimos crendo firmemente na fronte ampla para derrocar o réxime en favor do pobo traballador e das nacións sen Estado. Se non é, como se tentou hai uns anos, na forma dunha ambiciosa plataforma política abranguente que sexa entón, para ir comezando, mediante unha coalición de Goberno. O doado sempre foi o inmobilismo e a autocompracencia. 

Comentarios