Opinión

25 anos de FPG

O vindeiro 5 de outubro esta formación celebra un congreso extraordinario decisorio no complexo marco histórico no que nos atopamos e que xa foi analizado en numerosas ocasións e por diferentes sensibilidades tanto en artigos de opinión na prensa dixital e en papel como nas plataformas de representación social e asembleas populares de base como as que celebra o colectivo Morrazo en Loita cada venres en Terra de Morrazo denantes de marchar, como digo, semanalmente con pancartas e proclamas anti-sistema polas rúas de Cangas.

“O comunismo foi un gran buque sucando os mares. Despois de Stalin o barco foi virando á dereita, veu Mao Tse Tung e tratou de endereitalo todo canto puido. Finalmente, a tempestade e as bravas correntes levaron o barco ás pedras ata que acabou afundindo. É un deber noso ineludíbel reflotarmos ese barco!

Grover Furr

"Estamos a falar dun cuarto de século de loita perseverante polo socialismo e a independencia deste país". 

O vindeiro 5 de outubro esta formación celebra un congreso extraordinario decisorio no complexo marco histórico no que nos atopamos e que xa foi analizado en numerosas ocasións e por diferentes sensibilidades tanto en artigos de opinión na prensa dixital e en papel como nas plataformas de representación social e asembleas populares de base como as que celebra o colectivo Morrazo en Loita cada venres en Terra de Morrazo denantes de marchar, como digo, semanalmente con pancartas e proclamas anti-sistema polas rúas de Cangas.

Ademais, neste día de outono, esta formación, logo do devandito congreso, celebra o seu aniversario malia que, formalmente, foi o 10 de marzo cando se cumpriron 25 anos da fundación da FPG coincidindo co día da Clase Obreira Galega que homenaxea ós traballadores de Bazán Amador e Daniel asasinados polo fascismo español en 1972. 

A Fronte Popular Galega xorde como a culminación da confluencia e unidade de tódalas forzas de esquerda independentista galega existentes ata daquela. Na súa primeira andaina foi concibida como unha fronte de partidos formada fundamentalmente polo PCLN, Galicia Ceive así como agrupacións soberanistas de Ferrol, Vigo e Compostela. Co tempo, nos últimos anos, camiñaría cara un modelo organizativo e programático de partido comunista de praxe independentista.

Estamos a falar dun cuarto de século de loita perseverante polo socialismo e a independencia deste país. Referímonos a unha agrupación fortemente consolidada, con profundas raíces na clase traballadora galega que abriu frontes de acción e segue a batallar na loita feminista, ecoloxista e sindical. Conta, sen dúbida, con boa parte do mellor da intelectualidade galega e leva con orgullo xunto a outras formacións, claro, a bandeira da solidariedade internacionalista, da auto-organización, do anti-imperialismo, do anti-patriarcado, da democracia popular e do anti-colonialismo. 

 "Fronte Ampla de Unidade Popular, esa é a ferramenta que entende a FPG, neste contexto histórico, como a verdadeira pra continuar mellor a loita que permita acada-los nosos dereitos como nación e como pobo traballador"

Erros? Ben seguro. Sería deshonesto non recoñecer que houbo erros tanto no plano individual coma colectivo ó longo de todos estes anos. E ademais vós, estimadas lectoras e lectores, seriades, como intrépidos e avezados críticos que sodes, os primeiros en lembralo. E hóubonos porque sempre se dan. En tódalas organizacións do mundo. Outra cousa é que se magnifiquen e que se terxiverse. Ou mesmo, dispensando, que se enmerde por enmerdar. Pero un partido non deixa de ser un grupo de seres humanos arrexuntados por un fin común, e os seres humanos cometen erros e decisións equivocadas na súa estratexia. Pra iso unha persoa na forma de militante, por moitos anos que teña, debe seguir formándose, debe evolucionar. Aprender sempre, que dicía o outro. O que si non fixo a FPG, dende logo, foi caer na inacción e no inmobilismo sectario ou oportunista. Iso si que sería intolerábel. Nese fácil terreo seguro que ía acertar sempre. E non cometeu, precisamente, ese erro porque seguiu e seguirá a liña histórica de aplicación teórica e práctica do marxismo-leninismo ós movementos de liberación nacional coma o noso propio así como a Posición Soto bautizada en 1992 e que non persegue outra cousa que a liberación social e nacional a través do  conglomerado de forzas da esquerda nacionalista e a de raigaña foránea pero sumamente respectuosa co Dereito de Autodeterminación. Se non se fai repaso histórico e só se insiste na política de bar desligándose da realidade social, desesperante sobre todo pra moita xente, e a mirar quen é máis xenuíno non se entenderá, a mantenta ou non, que cómpre recupera-lo espírito do `36 pra Galicia e pra o Estado. A opción frontepopulista xa tivo outros pequenos ensaios no PCOE do vello Líster e na Iniciativa Internacionalista na que a FPG participou activamente pra as pasadas europeas coa esquerda abertzale e coa esquerda castelá entre outros. Fronte Ampla de Unidade Popular, esa é a ferramenta que entende a FPG, neste contexto histórico, como a verdadeira pra continuar mellor a loita que permita acada-los nosos dereitos como nación e como pobo traballador. Esta ten que se-la boa, compañeiras e compañeiros. E ben que a temen os defensores do sistema cando non se deixa de atacar a AGE, ás forzas que a conforman e ó seu voceiro. Mágoa non estarmos aínda absolutamente todas e todos na mesma sintonía pra formar esa gran alternativa que a sociedade, como demostraron as autonómicas do 2012, miraría con moi bos ollos. 

"Mágoa non estarmos aínda absolutamente todas e todos na mesma sintonía pra formar esa gran alternativa que a sociedade, como demostraron as autonómicas do 2012, miraría con moi bos ollos". 

As eleccións europeas poden ser un estupendo escenario de ensaio se hai vontade política por parte de tódalas forzas de esquerda do país. Tamén hai que ter claridade e cómpre dicir que non se chegará moi lonxe sen mobilización, sen os activadores necesarios que sigan a pór esta sociedade damnificada e a todo o pobo na rúa como actores imprescindíbeis pra rachar de vez o sistema e esfarela-lo réxime borbónico. É claro que se fai necesario unha maior irrupción contestataria que os grandes sindicatos non dan asumido e xa sabemos ben o porqué. E faise máis imprescindíbel precisamente agora que sindicatos de clase con certa vixencia como o SAT e as plataformas sociais como as das afectadas e afectados pola Hipoteca están sendo fortemente reprimidas ata límites que a opinión pública nin coñece. Xa se ten falado tamén, alto e claro, o propio Beiras desa especie de intellecia terrorista fabricada polo aparato a través dos media e da inxustiza levada a cabo con desmesuradas penas de cárcere contra a mocidade galega. Todo un artificio pra tapar unha situación ruinosa pra as capas populares como a que estamos atravesando nestes momentos e que, sen dúbida, empeorará. Contra o que se pensa moitas veces, o capitalismo nunca tan ben estivo e non hai máis que reparar nas leis e decretos anti-sociais e anti-obreiros que se van aprobando sucesivamente por mandato do poder financeiro no Estado e en Europa que, a medida que pasa máis tempo dende a caída da URSS, camiña cada vez máis á súa vontade. Só queda coller folgos, continuar na loita, seguir a desbotar intereses partidistas e utiliza-las estratexias e ferramentas ó noso dispor o máis intelixentemente que se poida con perspectiva de nación e de clase.

Queda o convite logo no aire pra quen queira acudir á celebración do 25 aniversario da FPG este vindeiro 5 de outubro. Organización da que por certo aínda está por escribi-la historia e enmarcala como lle corresponde no espazo dos estudos nacionais e dentro do marco dos actores políticos e sociais que contribuíron (e seguirán) a liberar este país dende unha focaxe profundamente de esquerdas. Retomo, como proba, as palabras do seu Secretario Xeral no discurso pra a lembranza emitido no Toural durante a celebración do Día da Patria de hai un decenio: 

“Somos independentistas porque somos comunistas!”

Comentarios