Opinión

Ese PSOE que tampouco quere debater

Dor, raiba, culpa e impotencia. Tiven a sorte e o privilexio de sentir moi pouco esas cousas durante a miña transición. Quizais o destino debíame unha, tralo sufrimento que o fascismo causou nos meus devanceiros. A miña familia soubo o que é vivir co medo, co silencio, coa dor interiorizada da morte inxusta, da infancia roubada. Pode que fose por iso polo que sempre me protexeron, polo que me abrazaron sen dilacións cando lles contei quen era realmente, polas súas poucas dúbidas de que a empatía sempre estaba por diante.

As boas persoas rodéanse de boas persoas, dicía a miña avoa cando coñeceu a miña compañeira de vida. Non fai falla dicir que ela, as miñas amigas, o meu “bairro bonito”, e a miña cidade, tamén foron responsables dese privilexio tan escaso de ter unha transición que ficou como unha boa lembranza do pasado. Porén, pode que sexa iso o que fai que agora, hoxe, sinta que non estea preparada para experimentar certos rexeitamentos. Tiven a certeza e a ilusión de que saír a falar a palestra non era perigoso, de que facía falla e que sempre seríamos máis para crear barreira contra o odio. (Por sorte isto último si é así).

Foi por iso polo que me apoderei para participar en debates que, dende o feminismo e o respecto, fosen tratadas todas aquelas cuestións sobre as reivindicacións das persoas trans que aínda fan dubidar a un gran número de mulleres. Como non ían dubidar? A dúbida é a ferramenta principal na procura dos nosos dereitos, cuestionar as crenzas e as certezas, o que nos fai medrar e mellorar.

Ata hoxe non se conseguiu organizar ese debate na Galiza. As defensoras da postura de que os nosos dereitos atentan contra a sociedade aínda non se animaron máis que a rexeitar convites, organizara quen organizara. Todo isto acontece nun ambiente tenso no seo do feminismo e tamén da política, marcado polas últimas directrices oficiais do PSOE, onde se alerta da existencia de múltiples perigos no feito de que as persoas trans deixemos de ser consideradas enfermas mentais a efectos legais. Unha afirmación que vai na liña da idea de que nós non temos cabida nese feminismo.

Seguindo esas mesmas directrices, un concello do PSOE da provincia da Coruña acaba de excluírnos a min e a outra compañeira dunha mesa redonda que tiñamos pechada para abordar estes temas dende a calma e o respecto. Somos mulleres trans e oficialmente para o partido non podemos partillar espazos feministas. Estamos fóra, sen máis. Non importa a dor, a raiba, a culpa e a impotencia que poidamos sentir, xa que os nosos sentimentos son demagoxia, a nosa precariedade é vitimismo, e a nosa existencia está máis que cuestionada sempre que se produce un debate sobre nós no que non esteamos. Xa vai sendo a hora de que a xente se pregunte por que a nosa cadeira ficou baleira. Neste e noutros espazos da vida.

Comentarios