Opinión

Non é preciso entender para respectar

O que se está a pasar coa reacción contra os dereitos trans é todo produto dun mal entendemento no que persoas cis que nin saben nin saberán o que é ser trans intentan imaxinalo, e non poden. Elas tamén cuestionaron os estereotipos de xénero —todas o fixemos—, moitas tamén non se identifican co ideal normativo de masculinidade ou feminidade. Por que motivo ía querer entón unha persoa mudar de sexo no rexistro se elas non o precisaron?

A identidade e a expresión non son a mesma cousa. Non é o mesmo como te sitúas no mundo que como te mostras ante el, por iso, hai mulleres trans moi masculinas e homes trans moi femeninos, do mesmo xeito que hai persoas non binarias.

Unha crianza trans non é unha meniña que gosta do fútbol nin un meniño que quere pór saias. Unha crianza trans é unha persoa pequena que expresa querer mudar o seu xeito de habitar este mundo e que prefire outro nome e outros pronomes, un dereito que só lle pode garantir unha mudanza rexistral. É por iso polo que cada día máis moitas familias -ou como as chama Laura Bugalho: a utopía feita realidade- deciden acompañar ás súas crianzas en lugar de negar e prohibir. Deciden escoitar, e enfrontar con ela todo ese compendio de trámites e violencias que supón mudar a marca de home ou muller no rexistro. Non o fan porque entendan a súa crianza, senón porque respectan o que precisa para ser feliz.

Como muller trans nunca entenderei o que é abortar ou parir, e non por iso vou deixar de defender o dereito ao aborto ou a un parto sen violencia. Malia que muller trans, de facto, nunca entenderei o que é pasar a túa infancia e adolescencia sendo quen realmente es. E iso pese a ter unha bonita familia que, estou segura, houbérame acompañado sen fisuras.

Cando era pequena preguntei na escola sobre o que era ser unha muller transexual —como Bibiana Fernández, a quen vira na televisión—. Nunca esquecerei cando o profesor contestou que “iso” non era máis que un home e que sempre sería así. Pola miña banda, entendín que cuestionar esa etiqueta de home era algo que estaba mal, que baixo ningún concepto debía facerse. Demorei case 20 anos en volver a permitirme dubidar, esta vez, por sorte, con outro resultado. Aquel profesor que chegara á escola pública dos noventa desde a educación franquista estaría ledo hoxe se escoitara como a súa argumentación se converteu en tendencia tanto á dereita como á esquerda. O esencialismo que nos nega a posibilidade de mudar para procurar a felicidade está a reaccionar contra a existencia dun mundo no que eu poida ser quen son sen agocharme, malia que non me entendas.

Comentarios