Opinión

Caciquismo a domicilio: os perigos do votar na porta da casa

Para moitas de nós, o caciquismo resulta un fenómeno petrificado no tempo, un vello conto de Pardo Bazán que evoca a característica postal de época na que uns campesiños analfabetos fan fila para votar a cambio dalgún pago. Con todo, e malia as mitificacións aínda presentes, o clientelismo e o caciquismo son fenómenos que moran no espazo privado e que teñen unha alta capacidade de adaptación a contextos cambiantes. Aliméntanse de acordos familiares -ou sociais- que estipulan unha dirección política común para un grupo concreto, unha fidelidade herdada que trata de cumprir cunha débeda irresoluble, que ben pode basearse en cuestións tan dispares como a colocación laboral dun ou varios familiares, ou simplemente por actuar de xestoría administrativa, facilitando a burocratización que cada día está máis presente nas relacións das cidadás coas institucións. 

É por iso que a función dos patron brokers, intermediarios entre a rede caciquil e a clientela, non reside no mercado de votos no colexio o día das eleccións, senón que se limita a lembrar aos clientes cal é o acordo preestablecido. Unha visita do patrón na festa, a un funeral, a un cabo de ano, ou a un casamento, son privilexios que non todo o mundo ten, á vez que “recordatorios” do voto a escoller no día das eleccións. A data chave, pois representa aquela no que este espazo privado no que se reproducen as relacións clientelares ten que tornarse público, pero sen que se note. Unha chamada, unha visita nos días anteriores para entregar o sobre, ofrecerse para tramitar o voto por correo, ou mesmo a carretaxe, son as súas manifestacións máis comúns, que á vez restrinxen ao máximo a posibilidade de que xurdan “ovellas negras”.

Porén, as tipoloxías do sufraxio dos sistemas democráticos souberon reformularse con mecanismos de control e verificacións capaces de converter o colexio electoral nun espazo seguro. Nel, independentemente da rede, grupo, ou familia, á que pertencera a votante, tiña garantida a posibilidade de pensamento crítico. A expresión máis pura da súa racionalidade fóra de todo control vertical e xerárquico, a democracia, a fin de contas, redúcese para moitas a unha cabina dun escaso metro cadrado.

Por isto, o sufraxio masivo por correo que propón a Xunta elimina unha das maiores garantías do sistema democrático ao reducir todo o proceso á entrada da casa, ao privado. Neste sentido, despraza un dos principais inconvenientes que atoparon as redes clientelares en democracia, representado por un espazo público no que vían reducida a súa capacidade de actuación pola vixilancia de apoderadas e interventoras da oposición, ou mesmo das cidadás elixidas como tribunais das mesas. Na nova tesitura, xa non é preciso pinchar os sobres cunha agulla para comprobar se o cliente os deposita, como me chegou a confesar un ex alcalde.

As recomendacións da Xunta de levar o voto da casa e despoxar as cabinas de votación de cobertura apuntan na mesma dirección, reducindo ao máximo esa esfera de liberdade e anonimato que caracteriza os colexios electorais. Xera un corredor directo entre o espazo privado e a urna no que é difícil escapar da vixilancia. Redúcense as oportunidades de rexeitar ese sobre -moitas veces- preparado por terceiros, antepoñendo posibles compromisos sociais e de grupo á expresión política individual. Redúcense, de novo, as garantías.

É evidente que a idea de realizar eleccións en plena pandemia pecha en si mesma unha contradición, que é o feito de ser chamadas a participar dunha cuestión tan pública como son uns comicios entre mensaxes de que fiquemos na casa. Sen dúbida, ese irremediable camiño que se nos obrigou a percorrer precisa de diálogos e propostas que poñan freo á perda de garantías democráticas que implica, e que son incrementadas polo novo sistema de voto por correo.

Comentarios