Opinión

O Goberno español quere autorizar a primeira venda nos “MERCAS”

O sector pesqueiro segue sendo un dos piares fundamentais da economía galega. Hai poucos anos eramos unha potencia pesqueira e a nosa flota pescaba en moitos dos  mares do mundo. A ampliación da zona económica exclusiva as 200 millas, a entrada na CEE,  pero sobre todo a falta de políticas que teñan o seu interese na Galiza veñen provocando o desmantelamento sistemático da nosa flota. 

O sector pesqueiro segue sendo un dos piares fundamentais da economía galega. Hai poucos anos eramos unha potencia pesqueira e a nosa flota pescaba en moitos dos  mares do mundo. A ampliación da zona económica exclusiva as 200 millas, a entrada na CEE,  pero sobre todo a falta de políticas que teñan o seu interese na Galiza veñen provocando o desmantelamento sistemático da nosa flota. Exemplos a pares como a expulsión de Namibia, a guerra do fletán, a perda do banco canario-sahariano, a expulsión de Mauritania, ou a aplicación de cotas irrisorias nas nosas augas por parte do Estado español, condenan aos galegos a renunciar a unha actividade que dá riqueza e emprego por todo o noso litoral.

"Somos hexemónicos na comercialización de peixe conxelado e temos unha posición destacada na comercialización de peixe fresco, aínda que condicionados por  moitas decisións que se adoptan lonxe de Galiza."

A pesares das distintas decisión políticas que levan condicionando a  actividade e o número de  barcos da nosa flota seguimos mantendo un sector comercializador importante. Somos hexemónicos na comercialización de peixe conxelado e temos unha posición destacada na comercialización de peixe fresco, aínda que condicionados por  moitas decisións que se adoptan lonxe de Galiza.


O actual Goberno, obsesionado con garantir as liberdades dos operadores económicos, e nada lle preocupa  outros dereitos e liberdades que magnifica a sacrosanta Constitución e que deberían ter como obxetivo as persoas e non os capitais, ven de trasladarlle ao sector un borrador dun Real Decreto para actualizar a lexislación relativa a primeira venda de produtos procedentes da pesca, o marisqueo ou a acuicultura.

Neste borrador xustifica, na variada casuística das modalidades de pesca, a oportunidade de aconsellar as excepcións ao paso obrigatorio das mercancías por lonxa, e así abre a posibilidade de que as Comunidades Autónomas poidan autorizar os “Mercas” como puntos de primeira venda.

"a oportunidade de aconsellar as excepcións ao paso obrigatorio das mercancías por lonxa, e así abre a posibilidade de que as Comunidades Autónomas poidan autorizar os “Mercas” como puntos de primeira venda".

Isto suporía por na picota o modelo comercializador galego, que basea a súa estrutura no paso obrigatorio por lonxa dos produtos procedentes da actividade pesqueira e  marisqueira. Con esta normativa o peixe do Gran Sol, de Namibia, ou Arxentina xa non pasaría polas lonxas galegas, iría directamente a Plataforma Loxística de Zaragoza ou de Madrid para dende alí ser distribuído por toda a cadea no Estado.

Esta proposta ven condicionada pola grave situación que atravesan determinadas cadeas de distribución, como é Mercamadrid, e que ve na comercialización dos produtos do mar, un recurso para salvar a súa situación financeira. Esta proposta exemplifica perfectamente o modelo económico e social que defenden quen nos gobernan, onde se toman as decisións e en función de que intereses.

Unha vez máis, se non o remediamos, determinadas decisións políticas van favorecer determinados intereses e arruinarnos. Neste caso,  a un dos nosos sectores económicos, a comercialización de produtos do mar. Non podemos pescar, non podemos construír barcos, non podemos ter caixas propias, non podemos comercializar,... Cal é o futuro que lle queda a Galiza?

Comentarios