Opinión

Era tan bo, tan bo... que o mataron!

O mexilloeiro é un dos nosos principais sectores estratéxicos. Con 3.337 bateas e máis de 15.000 empregos directos sitúase como o motor económico de moitos dos concellos do litoral, e ademais destaca por presentar un modelo de reparto da riqueza con máis de 2.000 pequenas empresas. 

O mexilloeiro é un dos nosos principais sectores estratéxicos. Con 3.337 bateas e máis de 15.000 empregos directos sitúase como o motor económico de moitos dos concellos do litoral, e ademais destaca por presentar un modelo de reparto da riqueza con máis de 2.000 pequenas empresas. 

"Grazas á política de etiquetaxe de orixe e de importacións encontrámonos con que non só non se envasa vianda galega, senón que aínda por riba enlátase mexillón foráneo con suposta etiqueta galega".

Dende que a UE asinou o Tratado de Libre Comercio con Chile, as importacións de “chorito” non paran de incrementarse. Comezaron no ano 2003 en 60.708 toneladas e o ano pasado importáronse deste país, nada máis e nada menos que 244.225 toneladas. Galiza produciu ese mesmo ano 227.229 toneladas, 17.000 toneladas. menos do que se importa de Chile. 

Antes das importacións de Chile, o 60% do mexillón galego era destinado á industria e o 40% para fresco. Na actualidade, coas importacións do “chorito” chileno, destínase para a industria o 35%, case a metade, e para fresco o 65%. Estas importacións xeran unha maior competitividade e un menor prezo, así no 2003 o prezo para fresco estaba en 0,70 euros/quilo, e o ano pasado o prezo era de 0,43 euros/quilo.

Grazas á política de etiquetaxe de orixe e de importacións encontrámonos con que non só non se envasa vianda galega, senón que aínda por riba enlátase mexillón foráneo con suposta etiqueta galega. Tocante a esta cuestión temos un bo exemplo do compromiso co sector na emenda de dona Carme Fraga para que a orixe, o lugar onde se cultiva, non sexa obrigatorio que figure nas latas de conserva. Outro bo exemplo é comprobar no supermercado as latas que levan “Mexillón de Galicia”, denominación de orixe protexida.

A esta situación de afundimento do sector, temos que engadirlle este ano a perda da colleita e a mala imaxe que ofrecemos na xestión dos peches administrativos. Aos problemas que se produciron en Semana Santa, engádense os episodios de outubro nos que se evidenciou que o actual modelo non está adaptado ao sector, pois presenta fallos nas fins de semana por falta de persoal e seguimento continuo nos momentos puntuais, causándolle enormes perdas económicas e de confianza ao sector.

"O sector do mexillón vai a pique porque alguén o está matando. É urxente adoptar medidas de choque para ter futuro: contra as importacións, incentivos para a etiquetaxe, liñas de financiamento para enfrontar a falla de ingresos desta campaña, seguro contra perdas,..."

Esta situación non é casual, nin froito dos designios malignos, senón que responde aos intereses que defenden os que nos gobernan, e así comprobamos como a señora conselleira no canto de enfrontar o problema prefire seguir mentíndolle aos galegos dicindo que foi un acontecemento extraordinario, que o Intecmar foi sorprendido polos acontecementos ou que as perdas son insignificantes. E o mellor, que isto o resolve o tempo e unha campaña de consumo de mexillón.

O sector vive unha situación de extrema gravidade, si xa tiña problemas pola política hipócrita do PP sobre: importacións, etiquetaxe, prezos....,agora sumámoslle os problemas da mala xestión dos peches administrativos, e de non tomar ningunha medida seria para enfrontar a falta de liquidez do sector nun ano onde o produto aínda segue nas cordas.

O sector do mexillón vai a pique porque alguén o está matando. É urxente adoptar medidas de choque para ter futuro: contra as importacións, incentivos para a etiquetaxe, liñas de financiamento para enfrontar a falla de ingresos desta campaña, seguro contra perdas,... 

O Intecmar debe mellorar o actual modelo de peches administrativos adaptándoo ao sector, e non ao revés. Necesítanse campañas de promoción en colaboración con aquelas entidades que apostan polo produto galego, non para consumir mexillón xenérico senón para mercar o noso. E sobre todo temos que esixir que se vinculen as axudas e subvencións públicas do Goberno galego á industria cun compromiso claro co produto do país.

“Estamos fartos de que nos conten que temos o mellor control do mundo e o sector máis competitivo”, mentres se fai xustamente o contrario. Era tan bo, tan bo... que o mataron!.

Comentarios