Opinión

Nin polo civil nin polo criminal

Nunha sociedade talemente mediatizada e “internetizada” como a que nos toca habitar, a procura na rede de determinados conceptos é por veces máis indicadora do pulso social que as propias enquisas de opinión realizadas por organismos como CIS. 

Nunha sociedade talemente mediatizada e “internetizada” como a que nos toca habitar, a procura na rede de determinados conceptos é por veces máis indicadora do pulso social que as propias enquisas de opinión realizadas por organismos como CIS. Un bo exemplo disto, se tecleamos os vocablos “chorizos”, “mangantes”,ou “ladróns” atopamos centos de miles novas recentes referidas a altos cargos da administración, se tecleamos “fascista”, “facha”, “rojo”, atopamos centos de miles de novas referidas a altos cargos da administración, pero non tan recentes.

"Se tecleamos os vocablos “chorizos”, “mangantes”,ou “ladróns” atopamos centos de miles novas recentes referidas a altos cargos da administración"

É como se por un lapso de tempo a percepción sobre a representación pública viñera máis motivada polo grao de honestidade de quen a exerce que polas decisións que toma ou polo prisma ideolóxico en que se sitúa para tomalas.

O por que desta situación atópase en que xa é maioritaria a consideración de que a corrupción é a forma de goberno vixente. Pero nunca hai que entender corrupción como se fai máis comúnmente, é dicir, a imaxe do político de turno desviando para a súa conta bancaria unha porcentaxe simbólica de tal obra pública ou tal concesión, ese só é o último elo da cadea. Esta imaxe é a que máis convén a quen leva a cabo as prácticas ilícitas, é dicir: invocado ás chamadas “mazás podres” esquecendo que o que está podre é o cesto enteiro.

As formas de corrupción que hoxe nos gobernan son fundamentalmente tres, e desde tres lugares hai que combatilas: 1.- A toma de decisións está desecentralizada, de xeito que non son as cámaras representativas, por tanto a representación cidadá, quen decide o contido e orientación das políticas públicas; 2.- A cidadanía atópase con cada vez máis barreiras para acceder aos centros de decisión, só podendo facelo a través dos partidos, quen á súa vez atópase cunha lei eleitoral restritiva, e 3.- Se cadra a cara máis visíbel, a dun sistema de goberno clientelar, ou que é o mesmo, que a execución de obras e contratos públicos realízase baixo un marco en forma de cadea de favores que remata por xerar réditos para quen forma parte dela.

"Toda vez que o endurecimento das leis, en calquera aspecto, non soe ter os resultados esperados, é momento de plantexarse se non será o afastamento das forzas políticas máis proclives á corrupción o método máis efectivo para acabar con ela".

As dúas primeiras formas de corrupción descritas teñen un final feliz: rematan onde comeza a democracia.

A terceira precisa dunha maior contextualización. As cousas dánse como se dan por unha lei universal: a corrupción produce un maior índice de beneficios que de perxuizos para quen a practica, ergo pódese afirmar que esta está incentivada. A cuestión non é que as penas derivadas dunha sentencia por corrupción sexan baixas, senón que os réditos potencialmete acadábeis sendo parte dunha trama corrupta son infinitos.

Toda vez que o endurecimento das leis, en calquera aspecto, non soe ter os resultados esperados, é momento de plantexarse se non será o afastamento das forzas políticas máis proclives á corrupción o método máis efectivo para acabar con ela.

Onde se pretende chegar con isto é a reafirmar que a solución á corrupción non virá da vía formal-legal, senón da política. E para chegar da política é preciso que as forzas que hoxe tentan disputar a hexemonía refagan o seu discurso a través de novas claves como as seguintes:

"A corrupción como forma de goberno é un mecanismo que sempre opera de costas á cidadanía, e é preciso que isto teña centralidade no discurso".

Pór enfase na corrupción do 97%. Cada vez que un represetante obtén un 3% dunha obra non se cae en que se invirte o resto do montante da operación, normalmente en obras innecesarias, sirvan como exemplo disto o caso Terra Mítica en Valencia ou o aeroporto do Castellón. A corrupción como forma de goberno é un mecanismo que sempre opera de costas á cidadanía, e é preciso que isto teña centralidade no discurso.

Pero existe un elemento máis preocupante que tampouco se ten en conta á hora de afrontar políticamente o problema, e é a influencia que ten a corrupción na nosa esfera individual. E non me refiro a esa redistribución da responsabilidade que se fai desde o poder (véxase o último spot de Facenda en televisión), senón a que non existe unha conciencia xeralizada de que á mesma vez que falta diñeiro público porque se lle está a dar un uso ilícito tamén falta porque se está a pagar unha débeda ilexítima. E a consecuencia de ambos sempre soen ser recortes no gasto público. O problema pois, non é (só) que haxa xente que se enrriqueza coa corrupción, senón que a corrupción é tamén causa da situación de empobrecemento xeralizado que vivimos.

En conclusión, por desgraza, a esquerda perdeu a hexemonía sobre moitas cousas, tamén sobre o discurso, e até parece que a dereita móvese máis cómoda no actual marco discursivo sobre a corrupción. É hora de mudalo.

Este texto foi orixinalmente publicado no nº 13 da Revista Luzes.

Comentarios