Opinión

Cousas que son Low Cost

O 24 de Marzo de 2015 pasará á historia como a data na que se produciu unha das grandes traxedias aéreas en Europa. Perto do nadal, veremos repetidas unha e mil veces as imaxes nos resumos das novas do ano, e xa en marzal do ano próximo a inauguración con toda pompa de placas conmemorativas nos aeroportos de Barcelona e Düsseldorf.

Por desgraza, o que non veremos será unha reflexión crítica do acontecido nestes días, e do seu correspondente tratamento mediático. Sirvan, pois, estas desordenadas liñas para dita reflexión, e como homenaxe sentida ás vítimas.

1.- A vida Low Cost. Cando nos primeiros dousmil as liñas low cost proliferaran como setas en outono, os grandes do tráfico aéreo apelaron á competencia desleal. Topáronse co (autoproclamado) grande Robin Hood dos aires, Michael O'Leary, dono de Ryanair, quen apelou ao “dereito a viaxar”. Ryanair convertida, digámolo así, na axencia de viaxes do 99% como grande estratexia de marketing, conseguiu algo até o momento inaudito: centos de concellos de todo o continente investindo miles de millóns de euros para atraer os seus avións.
 
Un paso máis, sen dúbida un dos máis hábiles, na política continental da época: 
construír europe@s antes de construír a propia Europa a través da mobilidade interna.

2.- A sociedade Low Cost. Se de algo sirven, para o observador ou observadora, as liñas low cost é de paradigma xeracional. Quen nacimos entre os oitenta e os noventa, sabemos ben que, mentres na adolescencia o noso “turismo” pasaba por acudir a algunha das localidades da nosa comarca a ver algún concerto ou a emborracharse até o infinito evitando o incómodo encontronazo con algún familiar, na post-adolescencia polos mesmos cartos podíamos visitar calquera capital europea. É máis, quen escribe sabía, e practicou ben, iso de traballar un par de noites nun pub para sacar os cartos para un billete. Exemplo: dúas noites de traballo na sala Capitol pagaron un voo Santiago-Bologna.

É máis, quen escribe sabía, e practicou ben, iso de traballar un par de noites nun pub para sacar os cartos para un billete
 

Aquel podía ser o paradigma da miña xeración nos primeiros dous mil, do paradigma nos segundos dous mil fala o pouco afortunado e evitábel bombardeo de listaxes e biografía de vítimas destes días: turismo barateiro, emigración e estadías para aprender idiomas, paso fundamental para formar parte do segundo grupo.

3.- O xornalismo Low Cost. É completamente lóxico que sexan difíciles de aclarar as causas dun accidente aéreo. Un modelo como Airbus pode posuír até 1.000 mecanismos de seguridade diferentes. Atopar entre 1.000 trebellos cal é o que puido fallar, por moi desenvolvida que estexa a industria, non pode ser sinxelo. En virtude disto, é pois completamente lóxico pensar no erro humano. Como non, quen traballaba foi inmediatamente sinalado e, oigan, entre as miles de críticas nunca atoparán unha crítica a eses señores de traxes caros, vestidos de gris e de carácter avinagrado que dirixen os departamento de Recursos “Humanos” (sic), nin unha. Entendo que, finalmente, eses señores son quen escolle a quen traballa e descartan a quen non.

4.- A ética Low Cost. Toda vez que quedan rexeitadas as orixes étnicas como variábeis explicativas só queda outro clásico da ética low cost: as patoloxías mentais. As patoloxías mentais posúen unha ambivalencia no imaxinario pouco comparábel: ben poden servir para xustificar un asasinato de xénero como para desacreditar a unha persoa. A maldade existe. 

En resumo de todo o comentado, veremos nos próximos días todo tipo de atropelos á dignidade das vítimas. Veremos invadida a súa intimidade, veremos como as condicións de seguridade nas que se voa rematan no detector de metais, como as condicións laborais de quen nos voa, por veces, son terríbeis.

E aí quedará, até marzo de 2016. Nunca máis. 

Comentarios