Opinión

No rego de Chao: o bo morrer e o 'sufrímetro'

O debate e aprobación da lei que legaliza, regula e limita a eutanasia case que coincidiu no tempo co quinto cabodano de Xosé Chao Rego, inventor de linguaxes, iconoclasta cos dogmas caducados e oleiro de símbolos renovados. Crego secularizado, renacido galeguista, singular articulista, teólogo comunitario, profesor de galego e mestre da vida, Pepe foi intelectual desde a ética, provocador de diálogo e síntese entre tradicións e mundos afastados. Derrubando muros, construíndo pontes. Pontes resistentes, pois no medio e medio argallaba unha romaxe, auténtica vacina contra o mal do prexuízo. 

Un dos seus lugares incorrectos foi o do grupo de apoio a Ramón Sampedro. O do diálogo –neste caso especialmente empático e com-pasivo– vén a conto. O asunto da eutanasia ten que ver coa vida e a morte e a dor das persoas: terreo sagrado, cómpre descalzarse, pontificar o menos posible, escoitar e acompañar. Por iso repugna a teima da dereita por utilizalo na máis incendiaria e incensaria mercadotecnia electoral. Rexorden os supercatólicos atizando o lume das dúas Españas. E, abofé, resulta cando menos desacougante ver os “novios-de-la-muerte” ser tan inmisericordes e firmes cando se trata de non facilitar unha boa morte, consciente e libre, a un compatriota con sufrimentos físicos ou psíquicos inaturables, como laxos son para facilitar a mala morte de milleiros de africanos mar adentro. Mar adentro, precisamente.

O anacrónico é a “achega ultracatólica” ao asunto baseada nunha teoloxía superada, ilexible e “in-significante” para a cultura actual, basicamente post-relixiosa e, paradoxalmente, buscadora de re-ligazóns comunais, sentido fundante, e espiritualidades para a vida. Pero non, hai imaxinarios herdados que non se compadecen coa socioloxía da relixión e co pensamento realmente existentes na sociedade civil democrática, feita de persoas en busca, tanto crentes como vice-crentes, como ex-crentes.

“Aquí non hai esquerda teolóxica”, dicía Chao. Non se pode seguir sacralizando a dor e menos en situacións de enfermidade terminal cun nivel tremendo de sufrimento físico ou psíquico. 

Sería moi de Chao desmontar a cousa empregando a metáfora dun “sufrímetro” (nunca tal lle oímos pero sería moito do seu xeito). O “sufrímetro” mediría con precisión a dor real e efectiva de cada quen na súa situación de padecemento, ora terminal, ora irremisiblemente dexenerativo. Comeza a dor, conéctase o aparello. A marca obtida sería un mérito fundamental á hora de presentarse diante de San Pedro –non de Ramón, do outro, ou de San Mamés, no caso excepcional dos do Athletic, lembrando un chiste do propio Chao. 

Resulta bastante incrible e irritante un deus perante o que cómpre sufrir para “puntuar”. Non abonda, acaso, co sufrimento fecundo que o mal estrutural –político, sistémico, ecolóxico, de xénero– e o mal persoal provocan nas vidas concretas da xente que os intenta combater, vivir unha vida plena, entregada ás causas xustas, ou –o que se cadra é aínda máis difícil– unha vida “simplemente” honesta, discreta e xenerosa? 

No sétimo capítulo do seu moi recomendable “Na fronteira do Misterio (Credo para xente non crédula)”, Chao dá unha clave da malversación histórica que deveu en “ideoloxía católica”, en liña coa interesada, xaora, estafa das dúas Españas e do neo-gerracivilismo que alguén trata de resucitar. E faino xa desde o propio título: “Morreu de morte matada”. En definitiva, Chao apunta a que na morte do mestre de Nazaré resulta infumable e incomprensible un esquema sacrificial ao modo relixioso clásico. O seu proceso, ben ao contrario, trae causa e ten sentido por unha traxectoria honesta, conflitiva e coherente. Indica Chao, que mal podemos comprender “o xeito concreto da súa morte se non levamos conta da situación política, social e relixiosa do seu tempo. Con tal carencia analítica o mito avanzará por riba da historia e caeremos nese tremendo equívoco: a consagración do sufrimento humano como vía imprescindible para a reconciliación con Deus.” 

Desmontar estes argumentarios relixiosos ten a súa importancia. Non o esquezamos: entre os trumpistas - supremacistas que asaltaban o Capitolio líase unha pancarta: Jesus saves. Terrible!

Comentarios