Opinión

Eu, nós

Non sei se me arrepentirei, pero este non é artigo de opinión común porque vou mollarme e espero non afogar...

Non sei se me arrepentirei, pero este non é artigo de opinión común porque vou mollarme e espero non afogar... Vaia por diante que non milito no BNG nin noutro partido integrado en NÓS- Candidatura Galega, pero neste escrito quero manifestar publicamente o meu apoio para esta formación nas vindeiras eleccións xerais por responsabilidade, compromiso e rebeldía. 

Hai tempo que sosteño, como moita xente, a teoría de que o sistema sabe da morte do bipartidismo e está aupando a Podemos e Ciudadanos para poder sobrevivir. Eu non acepto esta circo-política de espectáculos e bufóns, márketing e horas de televisión onde non importan as propostas e os posicionamentos ideolóxicos sobre os temas importantes porque detrás das caras coñecidas que ocupan horas de televisión apenas hai estruturas, programas, debates, formación, ideas. Trátase de vender a súa marca política como quen vende un perfume ou unha cervexa: publicidade e tácticas de márketing.

Sabe Iglesias que o problema do leite non é se ten nata ou non? Coñece Rivera o esaxerado prezo da autoestrada que une as principais cidades galegas?

Eu apoiarei a NÓS-Candidatura Galega porque non dou cheques en branco a políticos ambiguos. No Congreso quero persoas que falen con claridade, e que falen sobre as cousas que preocupan e afectan aos galegos/as. E a xente de NÓS si o está a facer. Soamente NÓS fala e posiciónase claramente acerca do problema do prezo do leite, das cotas da pesca, do abandono do rural, do mal estado do ensino e da sanidade galegos, das pensións inferiores á media estatal, dos vergoñentos datos do paro, da necesidade de romper a dependencia enerxética, do desleixo cara á lingua propia, das privatizacións, da necesidade de crear un estatuto para as vítimas de violencia machista, das infraestruturas terceiromundistas que temos na Galiza, etc... Sabe Iglesias que o problema do leite non é se ten nata ou non? Coñece Rivera o esaxerado prezo da autoestrada que une as principais cidades galegas? Está informado Sánchez de que os pensionistas galegos son dos que menos cobran do estado? Que di Rajoy sobre que a Xunta pechara este curso 13 escolas rurais?

Tristemente, todas as enquisas coinciden en vaticinar que o novo bipartidismo varrerá ao nacionalismo galego do congreso, onde só tiña 2 deputadas, e outorgan representación aos partidos televisivos. Por unha banda, aparecerá con forza Ciudadanos, o partido que nega o feminicidio, que di que presentará as súas propostas para Galiza despois das eleccións, que quere un contrato único e o despedimento libre, que propón que os mestres deixen de ser servidores públicos... Tamén entrará a  coalición En Marea-Podemos, formada por Podemos e os restos de Anova e Esquerda Unida, que aplauden extasiadas a Errejón nun claro exemplo de Síndrome de Estocolmo comparable a Jonás aplaudindo que a balea o comese.
Comigo que non conten. Son galego e son de esquerdas, así que votarei aos que falan de Galiza e dos galegos/as, pese á censura que non lles dá voz nas televisións. Non quero bufóns nin mesías, quero xente do común cos pes no chan e a cabeza en Galiza, persoas que antepoñan á cidadanía ao ego persoal e que fagan e non só falen. Eu estou con NÓS.

Comentarios