Opinión

Un cambio cosmético

Como unha máquina imparábel, o sistema busca renovarse ou sabe que morrerá.


Como unha máquina imparábel, o sistema busca renovarse ou sabe que morrerá. Cun PP asolagado pola corrupción e un PSOE perdido, o estado potencia o recambio natural: a dereita de Cidadáns e a esquerda de Podemos. Censúrase a Izquierda Unida e aos nacionalistas, que nesta polarización entre vellos e novos parecen ter perdido pulo e estar ao borde da desaparición.

Podemos agocha agora as ideas de esquerda que axitaba no seu nacemento, conscientes de que se gaña o centro aumentará o seu apoio electoral. Agocha tamén o seu pasado político (de novos teñen pouco, pois os seus dirixentes proveñen de Izquierda Unida e do PSOE). Comezou como un movemento cidadán que artellaba asembleas cidadás e acabou convertido nun partido tradicional xerárquico e estatalista. Lonxe quedan as asembleas nas prazas, os milleiros de círculos que pretendían apoderar á xente, a súa férrea defensa dun sistema republicano.

Izquierda Unida é censurada nos debates e o nacionalismo en xeral, pero o galego en particular, parece nin existir. Dá igual que estean presentes nas institucións e os novos non. Bótaselles dos medios, censúranse as súas aparicións

Pola outra banda xoga Ciudadáns, un proxecto político de dubidosa procedencia e cun perfil de dereita moderna do que carece o PP. Venden fume, propoñen aire e sábense que están de moda, unha vez Podemos queimouse por levar as rendas. A súa medida estrela, o famoso “contrato único” supón establecer o despedimento libre e a precaridade xeral, pero véndeno como un elixir máxico recén saído do laboratorio.

E así, coa vella dicotomía dereita-esquerda da que os emerxentes pretenden fuxir, a esquerda política languidece e ve como o centro se impón. Izquierda Unida é censurada nos debates e o nacionalismo en xeral, pero o galego en particular, parece nin existir. Dá igual que estean presentes nas institucións e os novos non. Bótaselles dos medios, censúranse as súas aparicións, imponse un apagón informativo para que a xente fique coa idea de que as eleccións é cousa deses catro, dos dous que sempre estiveron e dos dous novos que queren estar. Chámanlles “emerxentes” pero o certo é que nin son novos nin propoñen cousas novas, son tan só un mero recambio para que a cousa cambie un bocadiño e a cidadanía volte ao redil do vello parlamentarismo burgués, non vaia a apoiar opcións radicais de esquerdas que poidan facer dano a un sistema ferido de gravidade polo cancro da corrupción.
 

Comentarios